“No mundo dos influencers son unha ninguén porque son a única rapaza negra. É un mundo moi racista e moi superficial”No ano 2021 entrevistamos a Silvia e puidemos coñecer os avatares da súa vida entre Guinea e España. Daquela comentáranos que experimentara a “importancia da axuda mutua para saír adiante”. A súa historia tecida de xestos de irmandade aberta prolóngase hoxe coa publicación do libro España no es sólo blanca. Falamos con ela, na súa casa de Xuño (Porto do Son), do libro e de cousas concretas, como as dificultades para obter a residencia, despois de levar trece anos vivindo entre nós, e o interese por divulgar a cultura afro e contala na voz dos seus protagonistas. Sirva isto de esforzo para colocármonos nos ollos do outro, para comprender que son moitos os relatos posibles dunha mesma historia.

Desde que che fixemos unha entrevista no ano 2021 ata a actualidade, como evolucionou a túa situación administrativa (“os papeis”) para conseguir a residencia permanente en España?
Actualmente dispoño do carné de residencia de 2 anos con permiso de traballo por conta allea. Requírense 5 anos de residencia autorizada para que che concedan a permanente. É dicir, o primeiro permiso de residencia é dun ano, o segundo e o terceiro son de dous anos e o cuarto é o da residencia permanente con dereito a solicitar a nacionalidade. Dixen “dereito a solicitar”, que non significa que cha vaian conceder decontado. Poden pasar moitos anos. Teño amigas que xa levan 10 anos de espera.

Os relatos únicos son perigosos. Con este libro puiden cumprir un dos meus soños

Pois logo, a pregunta seguinte ten que ser esta: que recursos puideches utilizar, tanto privados coma públicos, para poder regularizar a túa situación e para sobrevivir durante todo este tempo?
Teño a sorte de vivir coa miña nai de acollida, que é a que me fixo un contrato de traballo como empregada doméstica. Dese xeito puiden solicitar a residencia; doutra maneira érame imposible. É moi complicado que unha empresa te contrate estando en situación irregular en España. Mesmo sendo de aquí, non é tan fácil obter un contrato de traballo por dous anos. A meirande parte da oferta laboral é de contratos temporais que non se admiten a efectos da regularización. Para sobrevivir teño o apoio da miña nai de acollida e dalgúns traballos que vou facendo, como charlas en institutos, conferencias e colaboracións con asociacións e empresas.

Que opinas da política de inmigración que temos en España?
A política migratoria española vulnera moito os dereitos das persoas migrantes e concretamente migrantes africanos. Non é o mesmo ser senegalés que alemán. No meu caso, son de Guinea Ecuatorial e a pesar de que o meu país foi colonia española ata o ano 1968, para os guineanos énos moi difícil regularizarnos en España porque os requisitos son case imposibles, se non tes unha persoa española que te apoie. Un exemplo diso é o meu fillo de 6 anos, nacido en España. Aínda está nunha situación irregular porque, segundo as leis españolas, os fillos de inmigrantes nados en España non son españois, se non da nacionalidade de seus pais.

Libro España no es solo blanca

Publicaches un libro neste ano titulado España non é só branca. Podes dicirnos por que, como e para que o escribiches?
Si, por fin puiden cumprir un dos meus soños. Foi un gran logro porque é algo que sempre arelei. Tiven a sorte de que o grupo editorial Penguin Random House se puxese en contacto comigo porque lles pareceron interesantes os contidos que eu transmitía a través das redes sociais; daquela pedíronme pasalos a formato libro divulgativo. Aceptei a proposta. Na miña época de instituto encantárame ler un libro onde se contaban historias de persoas afrodescendentes que foran parte da historia de España. O certo é que sobran textos que só falan da escravitude coma un gran logro para os españois que foron “evanxelizar e civilizar os negros salvaxes de África”. Creo que é importante ler e escoitar a historia escrita e contada desde diferentes ángulos e non só desde o dos europeos. Os africanos tamén temos moito que dicir sobre o noso pasado e presente. Os relatos únicos son moi perigosos. O meu libro abre un debate sobre o que nos contaron e o que nos seguen contando. Dou a coñecer outras persoas e personaxes aos que a historia española ten soterrados. Eles están mortos, pero as súas vidas tamén son dignas de seren recordadas.

Ademais do coidado do teu fillo e das tarefas domésticas que debes realizar pola natureza do teu contrato de traballo, a que outras actividades te dedicas?
Son creadora de contidos en redes sociais, principalmente TikTok e Instagram. As miñas redes sociais son un punto de inflexión onde non só conto as miñas experiencias como inmigrante, senón que tamén rescato datos históricos, fago divulgación sobre culturas africanas, sobre todo a miña e denuncio o racismo, machismos , homofobia e transfobia. Dou conferencias sobre os dereitos humanos, diversidade e inclusión, charlas nos institutos sobre os prexuízos raciais e anti-bullying. Por exemplo, no Colexio da Compañía de María, da Coruña; no IES Fernado Esquío, en Neda; no CPI Doctor López Suárez, en Friol, ou no IES Rafael Dieste, en Rianxo. Estiven tamén no festival intercultural de Vilaboa, no Ateneo da Coruña, na sede da casa Seat de Barcelona, coa axencia Last Minute, no desfile do Orgullo en Madrid, en xornadas sobre dereitos humanos en La Laguna, Tenerife…; foi importante tamén a miña nominación para os premios TikTok sobre diversidade e inclusión. Nestes momentos ando a presentar o libro en diversas cidades de España.

Como se pode contactar contigo no caso de que alguén teña interese en coñecer a túa experiencia?
Calquera persoa que queira contactar comigo pódeo facer a través das miñas redes sociais:

Instagram: afropoderossa
Tik Tok: afropoderossa
Tamén no meu correo electrónico: afropoderossa@gmail.com