Isabel Vilalba

O 18 de agosto Fruga, Adega, CCOO, CUT, Sindicato Labrego Galego,e a CIG, entre outras organizacións denunciaban en Castro de Rei a empresa Surexport por prácticas laborais abusivas, contaminación de aguas e chan, debidas á súa actividade agroindustrial intensiva, sustentada en agroquímicos e no acaparamento de terras agrarias. Dous días despois morría un temporeiro romanés de 27 años en Castro de Rei (Lugo), logo dunha esgotadora xornada laboral. A coincidencia deu que pensar. E sobre todo, o modelo de empresa e de desenvolvemento que hai detrás. Diso conversamos con Isabel Vilalba, voceira do Sindicato Labrego Galego.

Isto foi unha só unha desgraciada anécdota ou hai aquí un modelo que se postula como “de futuro” para o agro galego?
Ese é xustamente o problema. “Descubriron” Galicia: auga, clima, e unha estacionalidade na produción que complementa o que fan no sur de España. Importan o modelo que teñen en Huelva, de onde é a matriz de Surexport, baseado nunha explotación brutal de man de obra temporal inmigrante, moitas, mulleres, mesmo con preferencia por mulleres con fillos, que seica asegura maior obediencia e un retorno sen resistencias. Curiosamente a cousa coincidía no tempo coa crise ecolóxica no Mar Menor, máis do mesmo: unha área bioloxicamente ferida de morte polos nitratos, pola agricultura intensiva sen control. Non esquezamos que moitos dos lugares nos que as empresas do agronegocio levan décadas con estas producións industriais teñen os solos totalmente degradados e os acuíferos contaminados ou esgotados.

están en guetos, sen dereitos nin sindicación, precarios, incomunicados.

A penetración en Galicia limítase a un territorio, ou sector, ou debemos prepararnos para algo peor?
O desembarco deste tipo de empresa, con ese modelo, é algo serio e extenso. Entraron polo segmento dos pequenos froitos baixo plástico, arandos, amorodos, etc… na área da Terra Cha, pero xa hai casos de adegas en case todas as D.O. de Galicia con este tipo de modelo, e teñen especial interese nos montes en man común. En Baamonde xa explotan monte comunal. Son extensións grandes, a dimensión que precisan. Evidentemente deturpan a razón de ser dese monte veciñal, que estaba en equilibrio ecolóxico coas pequenas explotacións familiares, un ben a disposición da comunidade residente. Por desgraza a Xunta de Galicia foi introducindo cambios legais que favorecen esa privatización en aras da pura e dura “rendibilidade económica”. A idea de mobilizar grandes cantidades de terra para poñelas a disposición de empresas que anuncia a Xunta pode acelerar moito este proceso.

Non só hai en xogo un modelo económico, tamén hai un modelo social, unha maneira de concibir a comunidade de persoas que habitan un territorio.
O desprezo polo social e o comunitario é brutal. Utilizan xente de África e do leste de Europa, pelotóns de traballadores sen dereitos en condicións penosas. O recrutamento faise en orixe, en Marrocos, en Romanía. Co COVID quedaron en terra de ninguén. As persoas que traballan nos invernadoiros denuncian xornadas interminables, nas que che cuestionan un tempo mínimo para incorporarte e descansar, para xantar ou para ir ao baño. Quéixanse de incumprimentos nos pagamento acordados ou mesmo é frecuente que se teñen un descontento co rendemento previsto para unha traballadora, a castiguen sen poder ir traballar ao día seguinte, por suposto sen cobrar. Non hai integración social, trátase de que non exista. Un alcalde da zona facía en pleno COVID unha reveladora declaración, cando se falaba dun gromo entre os traballadores, dicía: “tranquilos, que esta xente non ten relación coa veciñanza”. Son guetos, sen dereitos nin sindicación, precarios, incomunicados. O máis semellante á escravitude moderna.

Surexport

Só faltaría que colocasen os produtos como “produto galego de proximidade”. Que poden facer os consumidores?
Surexport preséntase como unha empresa exportadora que explota máis de 1.300 hectáreas no Estado español, Portugal, Marrocos e Kenia. As producións que declaran de 28.000 toneladas de amorodo, 3.200 toneladas de framboesa, 2.000 toneladas de arandos ou 400 toneladas de amora, evidententemente, non son nin produto galego, nin de proximidade.

supermercados de Dinamarca suspenderon a compra de froitos vermellos de Huelva polas denuncias de violacións de dereitos

No mes de xullo chegaba aos medios a nova de que os supermercados daneses suspendían a compra de froitos vermellos de Huelva por denuncias de violacións de dereitos fundamentais. Danwatch, medio danés de xornalismo de investigación en materia de dereitos humanos, denunciou casos de explotación laboral en Surexport, Terras de Condado e Bionest, tres das grandes empresas produtoras de froitos vermellos. A información das persoas consumidoras, rexeitar produtos nos que se coñezan casos de explotación laboral ou outro tipo de malas prácticas son unha ferramenta moi eficaz. Hai pouco en Vilalba realizamos unha acción de denuncia no Gadis para explicar o modelo laboral e as condicións de produción e a xente foi moi receptiva e sensible.

Fagamos o exercicio contrario: temos unhas condicións climáticas e de recursos hídricos moi competitivas, que modelo debería promoverse desde a política agraria galega?
Cómpre crear as condicións para que as persoas que aposten pola agricultura e gandería poidan levar adiante o seu proxecto de vida, os medios necesarios para produciren, apoios na comercialización, para teren ingresos dignos, acceder a unha vivenda, dispor duns servizos públicos de calidade, formar parte dunha comunidade; e non este modelo de traballadores temporeiros de usar e tirar. Nun momento dado precisan 400 e meses despois déixanse á súa sorte, porque xa non fan falta.

Social e ambientalmente é moi importante seguir apostando pola agricultura labrega e de pequena escala da que sabemos en Galicia; e por modelos que coiden a terra, a auga e a natureza baseados na agroecoloxía. Nun momento de menor dispoñibilidade de combustibles fósiles, o que dificultará o acceso a moitos bens básicos como os alimentos, é máis importante ca nunca esta aposta. Por que non se pensa en crear as condicións para que mozos e mozas, ou xente de calquera idade, podan vivir dignamente producindo alimentos que teñen demanda, en vez de pensar en facilitarlles a terra ou a auga a grandes empresas que explotan a centos de traballadoras e traballadores, contaminan a terra e a auga e acaban producindo alimentos cargados de agrotóxicos?