“Pedímoslle un xesto valente, profético e evanxélico sobre Gaza… Visite Palestina

Querido Papa León:

En todo o mundo, crentes e non crentes, católicos e non católicos, estamos profundamente consternados e doídos polo berro de angustia de Gaza. Sentimos no noso corazón o pranto calado dos milleiros de mortos baixo as bombas e mísiles do goberno de Israel. Preto de 20.000 nenos e nenas foron asasinados polas bombas, e a fame golpea o corazón da humanidade. Non hai goberno capaz de deter esta barbarie, cualificada de xenocidio.

Papa León XIV

O papa León XIV díxolles a máis de 1 millón de mozos: “Vós sodes o sinal de que un mundo diferente é posible. Un mundo de fraternidade e amizade, onde os conflitos non se resolven con armas, senón con diálogo”.

De todos é sabido que Israel bombardeou e destruíu case o 90% das vivendas, arrasou depósitos de auga, escolas e universidades, hospitais, mesquitas e igrexas. E cando a poboación famenta e sedenta acode recoller botellas de auga e algún alimento, ametrállana, matando a multitudes con un pouco de comida na man. Cada día morren multitude de nenos, nenas e persoas adultas por inanición e polas bombas. Seis mil camións esperan, cargados con alimentos e auga potábel. Só piden entrar e deixar a carga que representa a vida para máis de dous millóns de persoas. Mais o goberno de Israel non lles permite acceder.

Mesmo o párroco de Gaza, o padre Gabriel Romanelli, e as irmás relixiosas prefiren quedar na parroquia, desobedecendo as ordes de Israel, porque temen que desprazarse cara ao sur sería a morte para os centos de desprazados que acollen.

Que faría Xesús hoxe ante esta realidade?

Israel ten asasinado multitude de médicos, xornalistas e traballadores humanitarios, xunto coa poboación. É o maior xenocidio do que levamos de século a nivel mundial. Gaza converteuse nun campo de exterminio. Os gobernos de Israel e dos Estados Unidos queren borrar do mapa a Gaza. É unha limpeza étnica. Dóenos a pasividade da Unión Europea e tamén o silencio de moitas igrexas cristiás. Sentimos que o silencio é complicidade.

Non somos antisemitas. Simplemente somos defensores dos dereitos humanos, que son dereitos divinos porque o ser humano é imaxe vivente de Deus.

Desde a dor e o pranto, os gazatís claman e berran desesperadamente pedindo a nosa axuda. Onde deberiamos situarnos nós, seguidores de Xesucristo? Hoxe o que está en xogo non é só Gaza. É a nosa propia humanidade. Non podemos calar. Se calamos, gañaranos a morte.

Santo Pai León, sentimos que o berro de Gaza é o berro de Cristo na cruz: “Teño sede”, sede de xustiza, de reconciliación, de misericordia, de perdón e de paz.

Moitos gobernos no mundo teñen condenado estas masacres, sobre todo a morte de milleiros de nenos e nenas. Pero ningún, agás os Estados Unidos, ten poder para deter que o goberno de Israel deixe de asasinar a milleiros de inocentes.

Que di e que fai o Papa?

Moitos católicos en España e noutras partes do mundo pregúntamonos: que di e que fai o Papa? Que faría Xesucristo, quen dixo: tiven fame e déstesme de comer, tiven sede e déstesme de beber, ía sen teito e acolléstesme, estiven enfermo e asistístesme…?

Unímonos ás xornadas de oración que vostede convocou pola paz. Participamos en xaxúns e vixilias, rezando pola paz. Mais non abonda rezar: fan falta tamén accións que, coa forza do Espírito de Deus, poidan deter a morte e abrir camiños de vida.

Falámoslle co corazón na man, Santo Pai León. Escribímoslle para lle suplicar un xesto valente, profético, profundamente evanxélico. Que faría Xesús hoxe ante esta realidade?

Xesús recórdanos na parábola do bo samaritano (Lucas 10, 25-37): o samaritano detívose, atendeu o ferido á beira do camiño, cargouno e levouno a un lugar seguro. E Xesús dinos: “Fai ti o mesmo”.

Ilustración do artista Jone Bengoa, do movemento #freePalestine

Ilustración do artista Jone Bengoa, do movemento #freePalestine

Os nosos irmáns en Gaza son o corpo do home tirado á beira do camiño, a quen os sacerdotes e clérigos non axudaron. Máis aínda, son o corpo famento, sedento e ferido de Cristo.

Varios compañeiros e compañeiras, crentes e non crentes, de diferentes partes do mundo arriscaron ir a Rafah para ver como conseguir que entren na Franxa alimentos e medicinas. Mais as autoridades de Exipto non o permitiron.

Suplicamos que lle pida, que lle esixa, a Israel que cesen os bombardeos

Por iso atrevémonos a lle suplicar en nome do Deus da vida e da misericordia que lle pida, que lle esixa, ao goberno de Israel que cesen os bombardeos, que permita a entrada dos camións con alimentos e medicinas, que opte polo diálogo con Hamás para liberar os reféns e que deteña os sabotaxes dos colonos israelís en Cisxordania. A Terra Santa, Terra de Cristo, agarda unha acción valente e profética da súa parte, Santo Pai.

Suplicámoslle que faga un chamamento a todos os gobernos e cidadáns do mundo para facer unha fronte común pola paz. E mesmo que vostede, Santo Pai, visite Palestina en nome de toda a Igrexa e da humanidade, esixindo paz, diálogo e solidariedade coa poboación gazatí.

Impactaría profundamente nas conciencias e devolvería credibilidade a quen están chamados a dar a vida por amor ao próximo. Xa non abonda con sermóns, nin con declaracións nin con manifestacións para deter a barbarie. Fan falta feitos concretos, proféticos. Ese xesto sería un Evanxeo vivo.

Reciba unha forte aperta en Cristo Xesús, www.religiondigital.org