As candidatas do BNG e de Sumar comparten con nós as súas propostas para Galicia

O 18 de febreiro de 2024 Galicia podería iniciar unha nova etapa. En todo caso, o cambio só será posible se as “forzas do cambio” conseguen convencer e mobilizar o voto latente e desmobilizado e mesmo atraer unha porción do chamado “voto moderado” de xente cansa dunha Galicia gris e despersonalizada, dun país minguante sen proxecto de país. Formulamos as mesmas preguntas – sobre certos temas claves e concretos, tratados reiteradamente nesta revista- ás tres forzas con posibilidades reais de facer ese cambio posible: BNG, PSdG-PSOE e Sumar. Finalmente, e malia solicitar a entrevista con suficiente antelación e tras reiteradas peticións, non foi posible recabar a opinión do candidato socialista, José Ramón Gómez Besteiro.

1.- Estamos experimentando en vilas, cidades e concellos rurais un deterioro -imposible xa de maquillar- da atención primaria sanitaria. Como reverter iso? E dado que non é cousa barata, como financiar as melloras que propoñedes?

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG e candidata polo BNG á Xunta de Galicia
Consideramos que para reverter a situación da atención primaria, sobretodo nos concellos rurais, o que precisamos é un cambio de modelo. Cómpre situala no centro do sistema sanitario, que sexa un ámbito fundamental con capacidade de xestión e de resolución. Para iso, é imprescindíbel incorporar máis categorías profesionais. É dicir, non estamos a falar só de medicina xeral ou enfermaría senón tamén doutras profesionais como psicólogas, nutricionistas, fisioterapeutas, logopeas … que sexa unha atención diversa para contribuír tamén a desconxestionar o sistema sanitario dando cabida a outras especialidades.

Ana Pontón: “Cómpre situar a tención primaria, sobre todo nos concellos rurais, no centro do sistema sanitario”

É necesario tamén fidelizar as traballadoras que existen e atraer outras e, para iso, hai que mellorar as condicións laborais, actualizar as retribucións salariais para impedir que continúe habendo abandonos. Neste sentido, hai que acometer un incremento do financiamento a atención primaria, seguindo as indicacións que recolle a Organización Mundial da Saúde cando estipula que o 25% do orzamento sanitario ten que ser para a atención primaria e ese ten que ser un obxectivo para a próxima lexislatura. O BNG xa o propuxo a través dunha proposición de lei que o PP votou en contra e que nós consideramos de urxente necesidade.

Marta Lois, candidata de Sumar á Xunta de Galicia
O Partido Popular esnaquizou a nosa sanidade pública nos seus 14 anos de goberno. Feijóo e Rueda adicáronse a enmascarar as listas de agarda e someter os profesionais a uns niveis de precariedade insólitos. O noso compromiso é duplo: coa mellora das condicións salariais e profesionais de médicas, enfermeiras e demais traballadoras do sector e coa mellora do servizo. É imposible facer unha cousa sen a outra. Implantaremos un Plan Urxente para a Recuperación da Atención Primaria, co obxectivo de incrementar o número de médicas, pediatras e profesionais doutras especialidades -como a saúde bucodental e a fisioterapia- para conseguir reducir as listas de agarda a 48 horas e poder ter unha atención de urxencia en 24 horas. Melloraremos o financiamento apoiándonos nunha reforma fiscal que garanta a redistribución. Hai que rematar cos regalos fiscais do PP aos que máis teñen. No eido sanitario, como noutros, temos ademais un aval que outros non teñen: o dun Ministerio de Sanidade de Sumar que está ampliando dereitos para a maioría. Contamos nese sentido coa complicidade da ministra Mónica García e do seu equipo.

logo eleccións galicia
2.- A inmigración é un sinal dos tempos. Imposible xa mirar para outro lado. A súa suposta “malignidade” é un argumento do neofascismo en toda Europa. Pero a súa presencia e a súa achega positiva ao país están aí. Como abordar a integración social, cultural e laboral dos novos galegos e galegas?

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG e candidata polo BNG á Xunta de Galicia
No BNG consideramos urxente poñer fin á discriminación que sofren as persoas migrantes. Galiza é hoxe, grazas a elas, máis diversa que nunca. En dúas décadas pasamos do 1,3% ao 5,2% de persoas residentes con nacionalidade estranxeira e a proporción de persoas nadas noutros países medrou do 4,2% ao 10,5%. A nosa é unha terra acolledora, que coñece o que é a emigración en carne propia e, por iso, cremos que a mellor política de acollida é a que garante as mesmas condicións de vida ás persoas, sexa cal sexa a súa orixe.

Neste momento, os datos falan de que as persoas migrantes e as súas familias teñen, por exemplo, unha taxa de risco de pobreza e exclusión moito máis alta. A nosa proposta é desenvolver un “Plan Galiza, terra de acollida” que promova a inclusión social e laboral da poboación migrante en Galiza, con medidas tamén para a segunda xeración, para garantir as mellores condicións de vida ás persoas que chegan ao noso país. Comprometémonos tamén a que, desde o goberno da Xunta, garantiremos os dereitos sanitarios de todas as persoas migrantes, independentemente a súa situación administrativa.

Marta Lois: “Implantaremos un Plan Urxente para a Recuperación da Atención Primaria”

Marta Lois, candidata de Sumar á Xunta de Galicia
O pobo galego é un pobo de acollida, que coñece a súa historia. Precisamos un goberno á altura da xente, convencido do valor social e cultural da inmigración. Dende que goberna o Partido Popular Galicia perde poboación: dende o 2009 somos 77.238 galegas e galegos menos. A chegada de poboación estranxeira é unha oportunidade. Temos, en primeiro lugar, que mellorar a capacidade da Xunta de Galicia para a diagnose e a coordinación, competencias chave nun territorio como o galego. Ademais, precisamos fuxir dos paradigmas asistencialistas e apostar por políticas públicas que inauguren e garantan dereitos, especialmente no relativo á inclusión sociolaboral das persoas migrantes. O noso modelo é o da interculturalidade, non o da integración. Isto implica non só as persoas que chegan ao noso territorio senón a toda a comunidade, a comunidade de acollida, a veciñanza e as administracións. Activaremos un programa de mediación, con liñas de axuda e colaboración cos concellos, para implantar a figura dos mediadores interculturais como figura que promova o intercambio cultural e a convivencia na comunidade. Tamén derrogaremos o chamado “Informe sobre o proceso de integración dos estranxeiros”, que é claramente discriminatorio. Comprometémonos ademais coa creación dunha Secretaría Xeral de Cidadanía Migrante, onde incluiremos todas as competencias en materia de inmigración, ata agora na área de inclusión social.

logotipo BNG

3.- En transporte público, Santiago-Madrid, 3 horas e 20 minutos por 50€, tren directo. As Pontes-Verín con moita sorte e precisión no cálculo de conexións serían 5 horas 16 minutos sen contar esperas (bus a Ferrol -un ao día-, tren á Gudiña – 6 á semana- e taxi a Verín) por 85€. Galicia está desvertebrada. Que investimentos serían prioritarios para solucionalo?

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG e candidata polo BNG á Xunta de Galicia
Para o BNG é urxente poñer fin ao atraso secular en infraestructuras de comunicación e vertebrar o territorio con medios modernos e de calidade que faciliten o transporte público da nosa poboación. É ben sabido que o BNG aposta en primeiro lugar, pola transferencia de competencias que teñen a ver coas infraestructuras de comunicación, en especial, a a AP9 e AP53 e tamén en materia ferroviaria, imprescindíbel para o noso desenvolvemento. Defendemos a creación do Galtren, servizo de tren galego, e esiximos que o goberno central mellore toda a rede ferroviaria e cree o servizo de proximidade, fundamentalmente nas áreas da Coruña e Vigo.

En canto ao transporte público por estrada, consideramos que hai que elaborar un novo plan xa que o actual é claramente insuficiente, mellorar a prestación de servizos de comunicación por bus e completar o sistema co transporte a demanda que nas áreas rurais debería funcionar a través dun servizo de taxi. Como medidas máis concretas propoñemos a creación dun Consorcio Galego de Transporte para xestionar conxuntamente ferrocarril, bus, barco ou taxis a demanda e unha tarxeta para abaratar o prezo do transporte, con gratuidade para estudantado e persoas paradas e xubiladas e abaratamento para outros colectivos en función da renda.

Marta Lois: “O noso Plan de Mobilidade terá dúas prioridades: vertebrar o país e reducir a dependencia do vehículo privado”

Marta Lois, candidata de Sumar á Xunta de Galicia
Precisamos unha mobilidade sostible e respectuosa cos obxectivos de descarbonización e transición ecolóxica. O noso programa incorpora varias medidas nese sentido, no marco dun novo Plan de Mobilidade, que terá dúas prioridades: vertebrar o país e reducir a dependencia do vehículo privado. Precisamos máis e mellor transporte público, entre as vilas e cidades, mais tamén dentro delas. Inauguramos a campaña cunha proposta de metro lixeiro para as áreas metropolitanas de Vigo e A Coruña, que está tendo unha acollida moi positiva. Crearemos tamén un bono único de transporte. Ademais, a mobilidade terá rango de Consellería e canalizaremos as políticas a través dunha empresa pública. Presentaremos nos próximos días outra proposta para a posta en marcha dun sistema de alugueiro de bicicletas eléctricas en todas as cidades galegas, en colaboración cos concellos e integrando a rede de servizos municipais preexistentes.

4.- Hai unha “revolución eólica” que deu por suposto que Galicia -excedentaria xa en enerxía eléctrica e toda unha potencia en xeración verde no estado Español- debería ser de novo a terra de sacrificio, cun crecemento desmesurado, especulativo e debilmente controlado de macroparques eólicos por todas as montañas e recantos do país. Tamén da costa. Que medidas contemplades para, sen renunciar a unha transición verde, racionalizar esa desmesura?

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG e candidata polo BNG á Xunta de Galicia
Defendemos un novo modelo enerxético que estea ao servizo do país e da maioría social, que coide o territorio e respecte as persoas que viven nel, no rural fundamentalmente, antitético ao do PP que está ao servizo do oligopolio eléctrico que utiliza Galiza como un territorio para extraer enerxía e recursos e levar beneficios para fóra. Neste sentido, crearemos no goberno unha empresa pública de enerxía que traballe tanto na xeración eléctrica como na comercialización, para abaratar o prezo, sobre todo pensando nos sectores sociais que teñen máis dificultade, que sofren pobreza enerxética. En segundo lugar, apostamos pola tarifa eléctrica galega para aproveitar a condición de excedentaria e para abaratar o custo tanto para empresas como para os fogares. Consideramos importante incentivar a eficiencia e aforro enerxético e a enerxía de proximidade, as comunidades enerxéticas de autoconsumo para abaratar o prezo de enerxía e plans de descarbonización en todos os sectores.

Con respecto á depredación eólica do PP, o noso modelo é o dunha alternativa ordenada, que respecte o territorio, que reduza o impacto que teñen estas infraestructuras e nos proxectos qu están en tramitación propoñemos que se aplique o máximo rigor, respectando a normativa ambiental, sen poñer a alfombra vermella ás empresas do oligopolio eléctrico como fai o PP. Propoñemos, en definitiva, a elaboración dun novo Plan Sectorial Eólico elaborado con rigor, respectando o territorio e a xente, con participación da sociedade e sometido a un proceso de avaliación ambiental rigoroso no que, entre outras cousas, se aproveiten os parques xa existentes fronte á proliferación doutros novos.

Marta Lois, candidata de Sumar á Xunta de Galicia
Serei clara: o noso compromiso coa transición ecolóxica é firme e irrenunciable. Forma parte do noso ADN como forza política verde. Precisamos atender a demanda da sociedade galega de facerlle fronte ao reto do cambio climático e cremos que temos todo o potencial como país para sermos unha potencia en enerxías limpas e empregos verdes. Sempre cumprindo a lei e, moi importante, con participación pública que garanta o retorno económico á comunidade. O modelo do PP é o do expolio, o de Sumar Galicia o de aproveitar a nosa potencialidade en beneficio de todas e todos. Apostamos por un deseño participativo dunha Estratexia Galega da Enerxía onde o INEGA teña as competencias necesarias para ser un actor principal do proceso e se na que se priorice o autoconsumo

Logotipo SUMAR Galicia
5.- Ten futuro vivo e normalizado a lingua galega? Con que medidas se pode garantir ese futuro?

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG e candidata polo BNG á Xunta de Galicia
Ao BNG preocúpanos a situación da lingua e a perda de falantes e temos un compromiso claro co seu futuro, por iso, botaremos a andar un grande acordo nacional pola lingua galega, que consiga o consenso amplo de todos os axentes políticos, económicos e sociais para reverter a tendencia de perda de falantes que se está a producir de maneira acelerada na última década. Cremos que é necesario incrementar o uso e o prestixio a lingua en todos os ámbitos, garantir ás persoas que queren facelo que podan vivir en galego, ofrecerlles unha contorna favorábel e seducir as persoas que non o usan.

Ana Pontón: “Defendemos a creación do Galtren, servizo de tren galego, e esiximos que o goberno central mellore toda a rede ferroviaria”

Queremos, en definitiva, recuperar a igualdade para o galego, e, para iso, é urxente reformar e actualizar a Lei de Normalización Lingüística porque, a tal altura, non dá resposta a moitos ámbitos de actuación imprescindíbeis para o galego como son, por exemplo, os que se refiren ao mundo dixital e as novas tecnoloxías. O BNG defende, ademais, a elaboración dun novo decreto para o ensino e a derrogación do mal chamado Decreto do Plurilingüísmo porque, como se comproba cos propios datos, para o único que serviu foi para reforzar o monolingüísmo en castelán. Incorporaremos tamén actuacións transversais para que a lingua estea presente en todos os ámbitos, en especial nos que máis se precisa incidir como é o tecido socioeconómico ou as novas tecnoloxías, espazos contemporáneos e prestixiados ademais do educativo.

Marta Lois, candidata de Sumar á Xunta de Galicia
Rotundamente si. A lingua non é só o noso patrimonio cultural máis importante, senón unha oportunidade para situármonos no mundo grazas ao seu potencial internacional. Temos que recuperar o amor pola lingua e aproveitar o seu parentesco co portugués, que nos permite comunicarnos con 265 millóns de persoas no mundo. Antes da chegada de Feijóo ao goberno da Xunta existía un consenso político amplo, articulado en torno ao Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade no 2004. As políticas do goberno do PP, que non garanten que poidamos exercer todos os nosos dereitos lingüísticos, e a utilización política que fai o PP do galego, que non é patriminio de ningún partido nin ideoloxía, se non un patrimonio de todas as galegas e galegos, son os principais detonantes da perda de galegofalantes. Temos un fondo compromiso programático nesta liña, con diversas medidas que iremos anunciando nas próximas semanas. Por mencionar só algunhas: implementaremos un proxecto piloto de inmersión lingüística na educación pública das sete cidades do país e proporemos facer da CRTVG un axente activo para a normalización lingüística, tal e como mandata a Lei 9/2011.

Máis información:
Sumar: movementosumargalicia.gal
BNG: www.bng.gal
PSdG: www.psdeg-psoe.com