O soño das Lavandeiras de construír un fogar cooperativo e diverso na Coruña

Estimadas lectoras e lectores de Irimia, traio aquí o noso proxecto de vivenda colaborativa. Aquí na Galiza é algo novo, pero non o é nin en Dinamarca e outros países nórdicos, nin en Uruguai dende hai máis dun século, e dende e hai varios anos en Cataluña e en Madrid. E quizais recordaredes algún documental na tele sobre o tema. Nós quixemos facelo na Coruña, con xente diversa en idades e profesións, pero unida polos mesmos principios de como é mellor para nós habitar.

Na Coruña está a tomar forma un proxecto pioneiro que supón unha alternativa real ao mercado inmobiliario tradicional: As Lavandeiras, un edificio cooperativo de vivenda en réxime de cesión de uso que promovemos dende a cooperativa cidadá Outra Forma de Vivenda (OFV). Nun momento no que o acceso a unha vivenda digna se converteu nun dos maiores problemas sociais, especialmente para persoas novas, maiores ou familias con ingresos medios e baixos, esta iniciativa propón un modelo que garante estabilidade, accesibilidade e participación democrática. As Lavandeiras non é só un edificio, senón unha aposta por unha maneira distinta de entender a vivenda e a cidade, baseada na cooperación, na sustentabilidade e na consideración da vivenda como un ben de uso e non como mercadoría.

Historia do proxecto

O mercado da vivenda na Coruña, como noutras cidades galegas, está marcado pola escalada de prezos tanto no alugueiro como na compra. Moitas persoas ven limitada a súa autonomía por non poder acceder a un fogar en condicións dignas e adaptado ás súas necesidades. Ao mesmo tempo, a vivenda converteuse nun ben de investimento e non nun dereito fundamental. Nacemos no 2015 como asociación e constituímonos no 2020 en cooperativa sen ánimo de lucro, como resposta a este problema e coa vocación de repensar o xeito no que habitamos. Desde entón, vimos traballando en difundir e poñer en práctica o modelo de vivenda cooperativa en cesión de uso, inspirado en experiencias xa consolidadas en lugares como Dinamarca ou Barcelona. Neste percorrido vital, desenvolvemos talleres, xornadas e procesos participativos que deron forma a unha comunidade sólida e comprometida. En xullo de 2025, logo de presentarnos ao concurso para unha parcela municipal no barrio de Xuxán, gañamos a concesión coa proposta arquitectónica que desen-volvemos conxuntamente con Hábitat Social e o soño empezou a converterse en realidade baixo o nome de As Lavandeiras.

Na actualidade, atópase en fase de desenvolvemento do proxecto básico, coa previsión de avanzar cara á execución nos próximos anos. O camiño ata aquí demostra que a constancia e a organización cidadá poden abrir novas vías fronte ao modelo especulativo dominante. A finalidade é clara: pór en marcha un modelo que garanta o dereito á vivenda, e que permita ás persoas participantes autoxestionar o proxecto e contar con prezos estables e accesibles durante toda a súa estancia nas Lavandeiras.

Que é a vivenda cooperativa en cesión de uso

Dereito de uso:
Nin alugueiro nin compra
Privada:
Pode usarse como ben de inversión
Pública:
As persoas usuarias non participan da xestión
Colectiva:
Xestiónase democraticamente

A cooperativa é a propietaria do edificio, o que significa que non existe especulación posible: as vivendas non se poden vender nin converter en patrimonio individual. As persoas socias non “posúen” a vivenda, pero teñen un dereito de uso mentres dure a concesión do dereito de superficie, o que lles garante estabilidade ao longo da súa vida. As decisións sobre a xestión, mantemento e futuro do proxecto tómanse de maneira democrática, asegurando unha implicación real das persoas que o habitan.

Este sistema, recoñecido legalmente a través da figura do dereito de superficie, garante a permanencia do modelo e impide a súa transformación en vivenda privada. No caso concreto da parcela de Xuxán este dereito é de 50 anos.

O modelo sitúase entre o alugueiro e a compra, pero funciona cunha lóxica distinta. As persoas socias da cooperativa realizan unha achega inicial máis accesible que a entrada dunha hipoteca e aboan despois unha cota mensual estable, fixada a prezo de custo e non sometida ás subas do mercado. Esa combinación permite que a vivenda sexa realmente alcanzable para a maioría.

Os valores que inspiran As Lavandeiras

O proxecto sostense sobre unha serie de principios que van máis alá da construción dun edificio. No centro está a idea de vivenda digna e alcanzable como dereito fundamental. A iso súmase a vontade de crear comunidade, fomentar o apoio mutuo e compartir espazos e experiencias que melloren a vida cotiá.

A autoxestión é outro dos piares: as persoas socias non só acceden a unha vivenda, senón que participan activamente na definición, desenvolvemento e funcionamento do proxecto. Isto xera un forte empoderamento colectivo e individual.

Por último, As Lavandeiras pon o foco na sustentabilidade. O respecto polo medio ambiente materialízase tanto no deseño arquitectónico como no uso de materiais e sistemas enerxéticos eficientes, reducindo a pegada ecolóxica e favorecendo un modelo urbano máis responsable.

Impacto social e comunitario

As Lavandeiras pretende ser moito máis que un proxecto residencial. O seu obxectivo é demostrar que é posible vivir de maneira diferente, baseada na cooperación, na solidariedade e na corresponsabilidade.

Ao facilitar o acceso á vivenda a prezos xustos, ofrece unha resposta concreta a un dos maiores desafíos da nosa sociedade. Ao construír comunidades diversas e interxeracionais, fomenta a cohesión social e crea espazos de apoio mutuo.