Médicas rurais

Tania Salgueiros é veciña e médica do Courel.
Ela canta e a montaña baila.

Non hai mellor tempo que o inverno e os meses de chuvia e neve para parar a pensar na saúde dende unha aldea da montaña. Hoxe veño a contar un pouco da miña visión e experiencia dende o rol de médica e veciña afincada nalgún punto da xeografía courelá, e veño a falar sobre os coidados, que para min son como unha espiral de voltas infinitas que podería ser descrita eternamente:

Os coidados entendidos como a busca e acomodación do benestar do corpo, da cabeza, e da contorna.

Os coidados sostidos polas persoas que nos rodean e polas estruturas do sistema de saúde e servizos sociais aos que contribuímos como habitantes dos nosos lugares.

Os coidados ligados polos camiños que nos comunican con hospitais e centros de saúde, pola distancia a espazos colectivos onde compartir e sentirse parte.

Os coidados entendidos dende a cultura na que aprendemos a interpretar a dor, a fortaleza, a resiliencia, a compaixón e a empatía.

Os coidados traducidos á multiculturalidade dunha sociedade illada que incorpora veciñanza procedente doutros territorios.

Os coidados, en fin!… Un eixo que nos atravesa toda a vida, e que de forma invisible nos constrúe na nosa individualidade e como sociedade. E por iso, esta pequena escrita.

De tanto pensar niso de coidar, de observar a pacientes e veciñas, de escoitar os seus relatos, e ler as propostas sobre coidados e saúde que por sorte cada vez se fala máis delas, animeime a argallar un programa de encontros entre coidadoras.

Para isto precísanse varias cousas, unha é saber do que queres falar: neste caso eu quería poñer en valor o coidar, e visibilizar as causas e consecuencias do traballo de coidados e a súa importancia na comunidade.

Para transmitir isto, precísase un xeito de facelo. Neste caso empreguei unha metodoloxía de intervención comunitaria que aprendín estudando no Centro Marie Langer, e que é a proposta da socióloga Mirtha Cucco, e ten como obxecto de estudo un dos conceptos máis importantes de todo o universo: a vida cotiá. O caso é que con esta preparación aprendín xeitos de coordinar encontros grupais para reflexionar sobre o tema dos coidados. Hai moitos xeitos de facelo, eu escollín este.

E o máis importante, as interlocutoras do espazo de reflexión, a xente que coida:

No noso concello, traballan coidando moitas persoas, na súa grande maioría mulleres. Algunhas teñen o traballo de coidar asalariado, ben traballando nos servizos de axuda no fogar do concello, ben contratos privados por unhas horas, ou ben traballadoras internas (todas elas mulleres migrantes). Tamén hai traballadoras dos coidados non asalariadas, nos casos dos coidados dentro da familia.

Para entrar en contacto con todas elas empreguei moito tempo e distintas vías, e contei coa axuda e apoio de compañeiras residentes que traballaron temporalmente comigo: aproveitando as visitas da consulta, falando coa traballadora social, visitándoas nas súas casas…

Ata que por fin comezamos os encontros, a primeira volta foi no outono de 2023, un grupo de 10 veciñas en Ferreirós de Arriba, e un grupo de 5 veciñas de fala árabe en Castro, con axuda dunha tradutora. Falamos sobre que reconforta e que doe cando coidas, de por que será que somos todas mulleres neste espazo, de por que a culpa ás veces, de que emocións podemos compartir e cales nos custan máis.., rimos, choramos, fixemos teatro, ideamos xuntas xeitos de sentirse mellor, pequenas cousas posibles, pensando na capacidade de transformación que ten xuntarse en grupo a pensar xuntas naquilo que nos atravesa cada día.

Logo xa todas xuntas, fixemos tamén un obradoiro práctico de como cargar en peso a outras persoas dependentes sen mancarnos no lombo, e algúns trucos para facilitar os coidados e o benestar das persoas encamadas. E merendamos xuntas.

Daquela, caín na conta de que conectar o rural co discurso antirracista tamén era unha necesidade, e por iso organizamos un obradoiro antirracista para que viñese quen quixer a escoitar e aprender das persoas racializadas as súas experiencias e a pensar no noso lugar na sociedade.

En 2025 repetimos a experiencia do grupo de coidadoras, esta vez en Folgoso. Un grupo de 13 veciñas. Demos voltas sobre o coidar, e tamén merendamos xuntas.

Creo que un xeito de poder contar o que acontece cando un grupo reflexiona sobre o común, é deixarvos algunhas das reflexións que saíron:

É gratificante compartir os sentimentos

Que si que te levas cousas escoitando a outra xente falar, e dáste conta que non estas soa…estamos falando de temas que non se poden falar con moita xente

O mellor que me levo é que compartimos algo que é como doméstico, pero no fondo é o que repercute na nosa saúde e é importante poñelo enriba da mesa, poñelo en valor

O principio pensaba que isto non me serviría para nada, pero agora estou moi agradecida, estame sentando ben

Se queremos cambiar, está nas nosas mans que non esteamos predeterminadas

A carga está aí, no complexo que é pedir axuda

Eu quedo coa idea de crear comunidade…pero despois dáme baixón porque penso…onde está a comunidade? Hai moi pouca xente!…sigo vendo que a comunidade é a solución

E recollendo o fío das reflexións das miñas veciñas, sobre a comunidade, é imposible non darse conta cando botas un tempo escoitando e observando, algo que o meu traballo no rural como médica me permite, de que hai malestares comúns, e que os espazos onde se xera comunidade melloran o estar xeral das persoas. E penso entón no ben que fai o grupo de calceta, as aulas de pilates, o grupo de música, algún taller de manualidades, as partidas de tute…como fíos que manteñen a pouca estrutura social que queda nos lugares deshabitados. Algo que é unha obviedade, pero que nos tempos que corren non está mal recordalo unha e outra vez.

E para ir recollendo, e pensando en como concluír este fío de pensamento, vou contarvos algunhas das cousas preciosas que me dixo a miña querida veciña Elva, e que me fixeron pensar moito. Ela coida da súa mamá, e cando falabamos sobre os malestares que xera o ter a carga de coidar a unha persoa dependente, houbo un momento no que ela, con algo de enfado me dixo: “Oe, eu son moi feliz de coidar a miña nai, e encántame coidala”…e claro, isto lévame a pensar en que non se pode concluír falar dos coidados e dos seus atravesamentos sociais, sen pensar na beleza de coidar e coidarse en comunidade.

Elva dixo: “non creo que coidar no rural sexa diferente, é o mesmo que na cidade. A diferenza vén da atención sanitaria, parécenos que na cidade estamos mellor atendidos porque temos todo máis cerca, e dependendo para que tipo de enfermidades pode ser importante porque che dá mais tranquilidade. (…) A miña opinión en xeral, é que grazas a que aínda hai profesionais aos que lles gusta o rural, sinto que aquí hai mais proximidade, como de coñecidos, de amigos, e isto dá moita tranquilidade

E esta é un pouco a conclusión, que coñecernos máis e compartir as nosas necesidades fainos máis fortes. Ter interlocutores que entenden o que nos acontece fainos sentir máis reais, e fainos ver que as transformacións son posibles.

Do grupo de coidadoras en lingua árabe, xurdiu a necesidade de aulas de idiomas, e conseguimos facer un pequeno taller para axudar con iso.

Moitas coidadoras agora teñen máis habilidades coa mobilización de persoas, que comparten con outras familiares amigas e veciñas.

Algunhas animáronse a buscar actividades en comunidade para facer de vez en cando, outras deixaron de sentir tanta culpa por ter de cando en vez un espazo propio, e eu inclúome neste ultimo grupo.

Nestes pequenos cambios, nestas ínfimas cousas das nosas vidas cotiás, están as loitas máis radicais, as que mudan o mundo que nos rodea a un paso tan invisible coma os das placas tectónicas que moven as montañas máis grandes.

E despídome dende o movemento invisible destas placas tectónicas, dende o corazón que latexa na serra, coa frase preciosa que me regalou a Elva…“San como o rural non hai”