Cortar polo san, as folgas da sanidade

O transcurso dos últimos meses estivo atravesado polas folgas de traballadoras do Sistema de Saúde. Nalgúns casos, foron folgas de médicas fronte ao Ministerio do goberno español e, noutros, como na folga indefinida da Atención Primaria galega do 2 ao 25 de marzo deste ano, fronte á xestión da Consellería de Sanidade. Este artigo nace da necesidade de explicar o malestar que levou a dita folga e mesmo a un encerro nun Centro de Saúde vigués.

O tempo como presente con presenza

A raíz do malestar reside na dificultade para dispor da mellor das ferramentas na consulta: o tempo. Precisamos tempo para afondar na fonte do malestar e acompañar nos procesos de enfermidade. Como médicas de familia, estamos presentes en todas as etapas da vida e precisamos tempo para recibir a cada persoa, xa sexa un novo bebé, alguén nun proceso de final de vida, o primeiro contacto cunha persoa migrante ou co sufrimento dunha familiar en dó.

O tempo é necesario incluso para o máis básico: poder quitar e poñer as capas de roupa para explorar signos físicos de doenza, ou mudar as capas emocionais coas que nos protexemos. Sen présa, a verdade pode ser expresada desde o máis fondo; se hai présa, esa verdade volve a casa soterrada. Aínda que poucas cousas podemos curar, moito sufrimento pode ser aliviado con ese bálsamo feito de tempo e presenza.

Xustiza para todas

As folgas xorden das chamadas “axendas chicle” que se estenden ata os 50 ou 80 pacientes nunha xornada. As traballadoras tamén precisamos tempo para coller forzas antes de dar unha mala nova ou soltar tensión tras unha emerxencia.

A folga presenta o dilema de deixar de atender o cotián e ao vulnerable, mantendo só servizos mínimos. Porén, como medida de presión política, a folga é necesaria para aspirar a facer ben o traballo na consulta e na comunidade. Aínda así, é probable que as folgas non cheguen á raíz última: a mercantilización da saúde.

Visualizando esperanza

Poida que algún día a persoa atendida deixe de ser o máis importante para converterse nun número máis nesa axenda chicle; ese día o meu traballo deixará de ter sentido. Pero penso que hai esperanza e que ese día está lonxe.

Serán precisas máis folgas e loitas onde pacientes e traballadoras de todos os colectivos vaian da man. O diagnóstico da “enfermidade do capital” no sistema público está feito e aceptado. Está nas nosas mans buscarlle o remedio, defendendo o dereito á saúde de todas e os dereitos laborais. O sufrimento futuro é evitable se cada pequena acción cotiá emerxe desde o corazón.