Unha reflexión desde a Pastoral Penitenciaria ante a nova Lei en materia de multirreincidencia
A Luis, a policía coñéceo polo nome. Leva anos aparecendo nos mesmos atestados: pequenos furtos en supermercados e outros delitos de supervivencia, cousas de pouca entidade. Luis anda polos corenta e tantos, ten unha adicción que non consegue superar e leva moito tempo lonxe do fío que o unía a unha vida estable. Cada vez que sae da prisión, volve ás mesmas rúas, ás mesmas carencias, aos mesmos erros. Chámanlle reincidente. Quen o coñece de preto sabe que é, sobre todo, un home perdido.
A recentemente aprobada Lei Orgánica en materia de multirreincidencia, que endurece o Código Penal para persoas coma Luis, obríganos a facer unha pregunta incómoda: estamos buscando solucións, ou simplemente queremos sacar da vista o que nos molesta?
A criminalización da pobreza
O que a nova Lei establece, en esencia, é que a partir de tres condenas previas por delitos do mesmo tipo, o seguinte furto ou estafa -aínda que sexa de pouca contía- se castigue xa con penas de prisión. Engade subtipos agravados e amplía medidas restritivas como a prohibición de residir ou entrar en determinados barrios. No papel, algunhas destas medidas poden soar razoables para algunhas persoas. Pero abonda con saber quen son as persoas que caen unha e outra vez neste tipo de infraccións para entender o que realmente se está propoñendo.
A figura do multirreincidente leve case nunca corresponde ao delincuente profesional que aparece nalgúns discursos mediáticos. Corresponde, moito máis a miúdo, a persoas sen fogar, a quen arrastran adiccións sen tratar, a migrantes sen rede de apoio, a xente que sobrevive como pode nas marxes dunha sociedade que non soubo -ou non quixo- tenderlle a man a tempo. Endurecer as penas neste ámbito non é combater a delincuencia: é criminalizar a exclusión. É converter a pobreza nun factor case automático de encarceramento.
A criminoloxía sábeo desde hai décadas, e a experiencia do acompañamento penitenciario confírmao cada día: o simple endurecemento das penas non reduce a delincuencia de subsistencia cando seguen intactas as causas que a orixinan. Pódense encher máis cárceres. O que non se pode é esperar que iso arranxe o problema de fondo.
Cando a lei contradí o seu propio fin
É frecuente citar o precepto constitucional que indica que a fin principal da pena privativa de liberdade é a reeducación e a reinserción social. Non o castigo polo castigo, non a vinganza institucionalizada, non a neutralización indefinida do incómodo. A reinserción. E, con todo, esta reforma vai exactamente na dirección contraria.
Cantos máis antecedentes penais, máis portas pechadas para atopar traballo. Canto máis tempo en prisión, máis rotos quedan os vínculos familiares que, moitas veces, son o único apoio que lle queda a alguén. As medidas de afastamento de determinados barrios converten as persoas en estranxeiras dentro da súa propia cidade, expulsadas mesmo do territorio que coñecían. E o estigma que se vai acumulando con cada condena fai máis difícil saír dese círculo. Onde a lei fala de tratamento e de esperanza de cambio, esta Lei está construíndo muros.
Quen traballamos na Pastoral Penitenciaria vemos isto de preto. Acompañamos persoas que queren saír adiante, que teñen momentos de transformación real, que cargan cun pasado que as persegue con teimosía. A reforma fai ese camiño aínda máis costa arriba. Non para quen delinque con frialdade e cálculo -eses adoitan ter recursos para esquivar as consecuencias-, senón para os máis vulnerables, para os que xa están no chan.
Unha ollada evanxélica
O papa Francisco pasou anos poñendo nome ao que está en xogo. A Fratelli tutti fixo célebre a expresión “cultura do descarte”: esa tendencia das nosas sociedades a considerar prescindibles a quen non encaixa, a quen non produce, a quen acumula demasiados fracasos. E advirte de que esa cultura non é só un problema económico ou político: é unha doenza espiritual.
“Non hai pena humana sen horizonte”, dixo Francisco en máis dunha ocasión diante de representantes da pastoral penitenciaria. Ninguén pode cambiar de vida se non se lle ofrece unha posibilidade real de facelo. A misericordia non é inxenuidade: é a convicción, fondamente enraizada no Evanxeo, de que ningún ser humano queda reducido para sempre aos seus erros.
O mesmo Xesús buscou sempre os que os demais xa descartaran. Non os atopou nos lugares de honra, senón nas marxes: nos leprosos aos que ninguén tocaba, nos recadadores aos que ninguén convidaba, nos presos aos que ninguén visitaba. “Estiven no cárcere e viñestes verme.” Non é unha metáfora bonita. É unha chamada directa a quen dicimos seguilo.
Hai alternativas
Sinalar os problemas dunha lei non abonda. A crítica honesta obriga tamén a propoñer alternativas. E hainas.
A primeira é obvia, pero poucas veces se di con claridade: a prevención social. Vivenda, tratamento das adiccións, acompañamento comunitario nos barrios máis vulnerables, regularización de quen vive sen papeis e sen rede. Cada euro investido nestes ámbitos rende moito máis ca varios destinados a xestión penitenciaria, e ademais ten un efecto real na vida das persoas, non só nas estatísticas de reincidencia.
A segunda é a xustiza restaurativa: mecanismos que poñan no centro a reparación do dano e a responsabilización real de quen cometeu o delito, non só o castigo. Modelos que demostraron a súa eficacia en moitos contextos e que lle permiten ás vítimas algo que a prisión raramente ofrece: sentir que algo cambiou, que o dano foi recoñecido e que existe a posibilidade de seguir adiante.
A terceira é escoitar. Escoitar a quen vive e traballa nas prisións, a quen acompaña as familias dos reclusos, a quen coñece polo nome as persoas das que a lei fala en frío como “suxeitos multirreincidentes”. Calquera reforma penal que non incorpore esas voces nace xa cunha cegueira de orixe.
Volver á humanidade
Luis volverá saír da prisión. Despois desta reforma, farao con máis antecedentes, máis restricións de movemento, máis portas pechadas e exactamente os mesmos problemas de fondo que o levaron ata alí. A sociedade terá pagado o custo do seu encarceramento e non terá resolto nada.
A Pastoral Penitenciaria seguirá aí, acompañando a Luis e aos milleiros de persoas que comparten a súa historia. Seguiremos dando testemuño de que ninguén queda fóra do amor de Deus, de que o cambio é posible aínda que custe, de que a dignidade humana non se perde aínda que se perda case todo o demais. Pero tamén necesitamos que as leis acompañen ese horizonte, e non que lle poñan atrancos.
Unha sociedade que responde ao fracaso dos seus membros máis fráxiles só con máis exclusión non está sendo máis segura. Sinxelamente está sendo menos humana.