O activista David Harris, detido en 1968 por resistirse ao alistamento para ir á guerra do Vietnam. Foto da Fundación Galiza Sempre
O poder militar é a columna vertebral dos Estados, que non por acaso son definidos politicamente como aquelas institucións que detentan o monopolio da violencia. Por iso, a persecución por parte do poder xudicial daqueles que se negan a portar as súas armas é unha constante histórica tan antiga como as propias guerras. É certo que as desercións e as negativas ao recrutamento a miúdo teñen de fondo o instinto natural de supervivencia, mais tamén é verdade que son multitude os exemplos de insubmisos en tempos de paz, ou pertencentes aos bandos ou rangos militares que menos risco corren no conflito. Son moitos os que prefiren o cárcere a morrer, si, pero nunca faltaron os que preferiron o cárcere a matar, ou sequera a facer parte dese inferno na terra que xera o militarismo, no que os corpos son esnaquizados e as almas son envelenadas con poder, impunidade, dor e vinganza. É probábel, por iso, que as crenzas relixiosas teñan estado sempre entre os principais motivos para desobedecer as leis de recrutamento: é internacionalmente famosa a oposición histórica das comunidades cuáqueras e amish ao alistamento no exército estadounidense. Talvez non sexa tan coñecido o feito de que de entre os 220 obxectores de conciencia que saíron dos cárceres españois coa Lei de Amnistia de 1977, perto de 200 eran Testemuñas de Xehová.
Os movementos de deserción e insubmisión aos exércitos son unha referencia histórica de compromiso e dignidade que debe ser rescatada e actualizada nun presente no que volven a soar tambores de guerra, e a posibilidade de reimplantar o servizo militar obrigatorio vai sendo introducida no debate público e na axenda política de moitos estados europeus. Nun tempo, de feito, no que as policías europeas -incluída a española- xa están a perseguir desertores ucraínos, e case non se oen voces de protesta. Pero, sobre todo, nun tempo no que a principal colaboración que xa se está a solicitar de toda a cidadanía coa NATO de Donald Trump é a contribución fiscal co militarismo a través dos orzamentos públicos. Desobedecer a imposición de financiar o exército, secundando a campaña en favor da obxección fiscal que ano tras ano promoven colectivos pacifistas e antimilitaristas, é un valioso exercicio de compromiso cos que, en toda parte e en todo tempo, asumiron e asumen con dignidade as consecuencias de dicir NON.
Máis información