Estamos todos a rabear por que remate este ano 2020 e… a nós dános un chisco de medo tanto desexo e tanto chiste con “Vaite 2020!!!”, “Mala chispa te coma, 2020”. Si, déixao ir!, pero vénnos á cabeza aquilo de “Tras de min virá quen bo me fará” e… o demo é tendeiro… Vaia, así e todo, se chegamos con saúde e con toda a nosa xentiña, pois haberá que seguir sachando o ano que vén… Confiemos… Sempre podemos botar man daquela frase de Dale Carnegie: “Se a vida che dá un limón, fai limonada…”.

Hai que ir levantando o ánimo, acordádevos de que tras da santa Lucía mingua a noite e medra o día, e con máis luz vese o mundo máis claro… Din aquilo de “Ano de nevadas, ano de fornadas” e este ano xa nevou! Continuamos a confiar…

Nós habemos de porfiar e porfiar e turrar por ela para diante, e ha saír, se por ben é! Deus nos oia e o diaño sexa xordo! Malo será… Poña Deus a man no carro e que el nos teña na súa man. Non ha ter mal, ho, todo se andará. Meigas fóra! Negámoste demo!!! E continuamos a confiar…

E tanto a facer forza a desexar…, vós escribistes postais de felicitación cos vosos mellores desexos para este Nadal? Quizás non… Nós tampouco… Esa xa é unha vella tradición que case quedou no esquecemento… Canto prestaba o carteiro a chamar á porta e ir a correr onda el para ver quen escribía aquel día, e a ver que bonitiña era a postal… Habíaas ata con purpurina dourada ou prateada! Évos ben boa lástima que non quede nada daquilo… Imos aproveitar para darlle unha volta ás expresións referidas ao Nadal para que fagades un bo uso delas no wasap. Non chegaremos para este ano… Quedan aí para o que vén!

Pois ben, acordádevos que Nadal, Noiteboa, Noitevella, Ano Novo e Reis se escriben con maiúscula inicial porque son nomes propios de festividades. Se “Nadal” se refire ao período de tempo (“Pasou todo o nadal a correr de un lado para o outro”), si se pode escribir en minúscula. E “ano novo” irá con minúscula se nos referimos ao novo ano, o que vén: “Desexámosvos un feliz Nadal e un próspero ano novo”. Ollo, que as palabras “feliz”, “próspero”, “amor”, “paz”… non deben escribirse con maiúscula, son nomes comúns. O mesmo ocorre con “belén”, “nacemento”, “portal”. Si escribiremos con maiúscula Neno Xesús, Apalpador, Papá Noel…

Acabouse o 2020, vaia o demo con el!