Para mostra, un botón… E tampouco o cartel do corpo humano ten desperdicio…
A persoa que fala (ou será máquina que fala e re-colle voces de persoas) non é quen de pronunciar o n velar. Daquela di “unoso” en vez de “un oso” ou “conel” en vez de “con el”; só pronunciou ben unha vez este fonema en “unha”, a primeira vez que o dixo (cando só levabamos 17 segundos de vídeo), pero, logo, no minuto 1,28, xa di “Una” no canto de “unha”. Tampouco pronuncia a contracción “ao” como “o” aberto….
Pero ademais de cuestións fonéticas, tamén mete a zoca en moitas máis cuestións:
- Ao non usar artigo diante do posesivo: que prepara seu amigo Jacobo, en vez de que prepara O seu amigo Jacobo. E, xa postos, igual podían respectar a nosa onomástica, que aquí existen Xacobes…
- Hai pronomes que sobran: E por iso tivo que quedarse na casa…, onde o “se” de “quedarse” está de máis; ou están fóra de sitio: Que vai poñerlle a vacina da gripe…
- Emprega o diminutivo en castelán “malito”, “gotitas”…
Todo isto nun vídeo de 2:09 minutos de duración, e ten erros nos minutos: 0:01, 0:032, 0:09, 0:15, 0:26, 0:41, 0:44, 1:28…
Pero aínda podemos ver os subtítulos e a cousa tampouco ten desperdicio, para máis se consideramos que é para rapazada que está a aprender a ler e a escribir. Faltan comas e puntos, faltan espazos despois de coma, maiúsculas e minúsculas mal empregadas, empregos de grafías que non existen (y). Algunhas mostras:
“O mel de bella”. A abella “Bella”, o nome propio aparece con minúscula.
“…nin as galletas …” “…nin as hamburguesas tan deliciosas…”. O “Nin” despois de puntos vai con maiúscula, ou ben, se é enumeración, terían que poñerlle un punto e coma despois dos puntos suspensivos e daquela conservaría a minúscula.
“1,2 e 3”. Sen espazo entre a coma e “2”.
“e despois contou… 1, 2 y 3”. Castelanismo “y”, en lugar de “e”.
“Cando Beira, a enfermeira terminou de vacinar a Olfatoso preguntoulle…”. Falta a coma despois de “a enfermeira” e despois de “Olfatoso”.
“E el díxolle que a algodón de azucre”. Falta o punto final.
“E fai caso da enfermeira que che vai a poñer a vacina…”. A perífrase Ir+infinitivo sempre sen preposición en galego. O caso é que a locutora pronunciouno sen preposición! Enganouse, pensamos…
“¡Felicidades!”. O castelanismo con admiración ao principio. En galego debemos dicir “Parabéns!”.
“Con la colaboración de AstraZeneca”. Seguro que a AstraZeneca lle gustaba presentar o seu produto con corrección, coa súa colaboración.
Desta volta, confiamos máis na Consellería de Sanidade ca na de Cultura, Lingua e Xuventude… Ou quizás esta campaña estea optando a algún premio Ig Nobel1, polos efectos de como unha campaña da propia Xunta de Galicia, mecha de erros lingüísticos, pode contribuír ao prestixio da lingua e á mellora do uso e do bo uso do galego nos e nas escolares, ocórresenos…
Premios a investigacións orixinais e divertidas, que primeiro fan rir e despois pensar…