E cambiando moito de temática. Que nos sabedes dicir da palabra
cambeleira? Nós témola de noso. E cantas veces lle temos botado de comer aos animais nela! Ao mellor vós chamádeslle presebe, ou manxadoira, ou comedeiro, ou comedeira a esa estrutura de madeira onde se lle botaba a herba, a palla, as farnas, ao gando. Ollo porque non é o mesmo a cambeleira ca a
maseira, a bacía… Esta é a pía de pedra onde tamén se lle bota de comer aos porcos. Non esquezades que maseira tamén é o recipiente grande de madeira onde se amasa o pan ou no que se poden gardar alimentos, a artesa, vaia! E falando da maseira, non quixemos evitar lembrar a Marcelino do Quinteiro de baixo, que sempre dicía aquilo de
Deus dáo na eira e María estolléceo na maseira…, para dicir que o que viña ben dado estragábase polo mal tratamento.
E xa que entramos no terreo da fraseoloxía, nós que andamos sempre coa orella posta no que di a xente do arredor (isto debe ser o que se entende por deformación profesional) escoitamos tamén aquilo de As contas da casa non dan coas da praza…E ben o puidemos usar esoutro día, cando estabamos a discutir sobre un asunto que tiñamos pendente que se nos resolvese, que botabamos de conta que só podía ser dunha maneira, que parecía imposible que puidese ser doutra… e foi… Entón veunos que nin caído do ceo o tal dito. E desgustámonos ben e chegamos á conclusión de que vos é ben certo, que cambiarás de muiñeiro, pero non cambias de ladrón…
Como ben ten dito Ferro Ruibal, os modismos son o sal e a pementa do idioma; sen eles, a lingua queda sosa…
Feliz verán!!!