Cando vos chegue a revista estaremos no tempo de pedir agasallos e como agora xa se pide máis no Nadal ca nos Reis, acordamos tratar o tema antes para que logo ninguén diga que diso non sabía ou que non se dera conta.

Estando nun artigo de lingua, que vos parece que vos podemos recomendar? Agasallos en galego, poderedes pensar. É certo que nos gusta que a xente compre desde camisolas -ou calquera prenda- con lendas en galego, ata algúns xogos de mesa que tamén hai e ben xeitosos (por exemplo, os de Brazolinda). O da lectura tamén está moi ben e poderiamos dar aquí unha listaxe de novidades en galego para diferentes idades, mais tampouco procede, porque xa hai abondo quen o fai.

Realmente, o que podemos agasallar é un pouquiño de reflexión intelixente sobre a lingua aos nosos seres queridos. Non vale de nada que agasallemos o libro en galego, cando hai xente que se nega a ler na nosa lingua. Igual pasa cos xogos de mesa, ou doutro tipo onde a nosa lingua estea presente. Falabamos aí atrás sobre os últimos datos de falantes de galego que nos achegaba o Instituto Galego de Estatística. Houbo quen botou as mans á cabeza, quen pensou que iso era un alarmismo innecesario e tamén quen se alegrou por irmos na liña da extinción. Mais como Irimia ten sentido se é en galego, entendemos que vós non estades nos dous últimos grupos, senón no primeiro, ou ben nos que non botastes as mans á cabeza porque xa o viades vir, que é no punto no que estabamos nós.

Daquela, convidámosvos a que -se sodes dos que mudades do galego a castelán para falar coa rapazada galega (sexa vosa ou non)- pensedes ben no que estades a facer. Termos unha lingua minoritaria non quere dicir que teñamos que deixar de tela. O islandés é aínda máis minoritaria porque islandeses hai bastantes menos ca galegos, mais… deixan de falar a súa lingua por iso? deixan de transmitírllela aos fillos e fillas? Claro que non! Pois iso é o que temos que facer aquí. Logo está o tema educativo e a súa lexislación, o pouco que fai o goberno para protexer e relanzar a nosa lingua e mais o discurso que se lanza desde o poder. Todo á contra. Por iso queriamos pedirvos que este Nadal agasalledes lingua galega. Falándoa. E facéndoo o mellor posible, con léxico non interferido polo castelán, colocando os pronomes no seu sitio, lembrando as palabras que son femininas aínda que en castelán sexan masculinas…

Daquela, ademais de morriña, enxebre, luscofusco ou orballo, termos que mesmo pode empregar quen fala castelán para amosar a súa cota de galeguidade, deberiamos usar xeonllo, nocello, billa, vasoira, beirarrúa, corredor, garfo ou culler e non as formas en castelán que temos moi instaladas. E mesmo empregarmos máis termos como erguer, esquecer, lembrar ou mol, mesmo cando se admitan os seus sinónimos coincidentes co castelán.

Bo Nadal