Parafraseando esa xa tradicional expresión de “Ano novo, vida nova”, quixemos nós inaugurar o ano aplicándolle algo de optimismo e -ao tempo- realismo á nosa sección.
Neste ano novo queremos unha lingua nova, falada por xente nova. Xa sabemos que a cousa está difícil, pero non imos pechar e tirar coa chave. Daquela seguimos… E esa lingua da xente nova ten que ter palabras de vello, tradicionais, propias do galego que, en ocasións, se están a substituír por formas que coinciden co castelán ou, directamente, por castelanismos. Na recuperación e mantemento da lingua estamos nós sempre, coa vosa axuda.
De feito poderiamos facer entre todas as persoas lectoras unha enquisa de saúde da lingua a través de preguntas doadas como as que vos deixamos a continuación. Son para que vós reflexionedes, mais tamén para que llas fagades á xente próxima (recollede as respostas reparando na idade e o hábitat das persoas enquisadas!):
– Empregades habitualmente “cadanseu” ou “cadansúa”?
– As formas “connosco” ou “convosco” están no voso discurso diario?
– E andades “devagar”, “amodo”, “paseniño” ou … “**despacio”?
– “Escáchanvos” as cousas ou simplemente vos “rompen”?
– Durmides nun “cuarto” e chegades a el por un “corredor”?
– E sáevos algunha vez o chocolate “basto” ou sempre vos sae “espeso”?
– Sabedes cando o mar ou a lúa “devalan”?
Como van os resultados? Aínda podedes ir emparellando preguntas segundo sexan as respostas. Por exemplo:
– Cando foi a última vez que empregaches “algures” ou “ningures”? Se a resposta é “Nunca o empreguei”, pasas á seguinte: Sabes o que significan estas formas?(Si-Non-Non teño a certeza). E reparade que non estamos a preguntar por formas de máis escasa presenza entre a poboación, como “xalundes” ou “xaora”. Tampouco propoñemos preguntas que teñen unha realidade xa restrinxida a un ámbito rural que se está a facer desaparecer, do tipo: Medistes algunha vez en “ferrados” ou “cuartillos”?
Todo este léxico aínda está vivo, mais, se as nosas enquisas non nos enganan, nun sector de idade avanzada. Se mesmo persoas galegofalantes as están a deixar de usar, é imposible que as transmitan e, polo tanto, que sobrevivan.
Aquí os nosos desexos para o ano novo: asentar estas formas de sempre para irmos mantendo a nosa lingua nova e con saúde.