E acordamos que hoxe, para arrancar, sería necesario revisar algunha regra de acentuación. A razón? Que entre tanto móbil, tanto wasap e tanto escribir de xeito informal á carreira, xa vemos que case ninguén pon acentos en ningures, a non ser que llos poña algunha máquina correctora. Ah…, e se non temos corrector en galego? Ou se a máquina os pon mal? Non aceptamos como resposta, nin a) escribo en castelán, nin b) vai sen acentos, que tanto ten! Pois nin é verdade o segundo, nin o galego, lingua milenaria na que se escribiu a lírica medieval, merece a primeira resposta.
E antes de que alguén empece co conto (pretendida desculpa) de que o do galego está sempre mudando e que antes sabían, pero agora…. , imos dicir que a acentuación do galego é a mesma desde a publicación das primeiras normas. Ten a base do castelán, iso é certo, que era a forma que empregaron os autores que comezaron a publicar despois dos séculos escuros, mais algunha diferenza hai. E xa entramos en fariña, reparando sobre todo nas confusións máis habituais á hora de acentuar en galego:
- As agudas acentúanse se rematan en -N, -S ou vogal. Eh! Ollo, en vogal, non en ditongo decrecente!!! Temos moitas palabriñas en galego que acaban nese ditongo (comeu, cantou, levou, rompeu…). Tampouco levan acento gráfico aínda que vaian acompañadas de -S, que hai moito despiste acentuando “ademais” ou “despois” (e non levan acento!!).
- Xa postos en ditongos, temos que facer unha paradiña na combinación “iu” e “ui”. Reparade en que non acentuamos “azuis” pero si “muíño” ou “distribuír”. Tampouco acentuamos “viviu” pero si “viúvo”. Xa entendestes o porqué? Porque acentuamos ou o “i” ou o “u” cando van no 2.º lugar e levan a forza.
- Tampouco se acentúan as palabras rematadas en -mente porque se lles aplica a regra xeral (graves rematadas en vogal): inutilmente.
- E pechamos hoxe con “el”, que non se acentúa en galego…, que non temos con que confundilo. “El” é o masculino de “Ela”, máis nada, non hai que poñerlle til diacrítica. Diso falamos na próxima!
Ánimo, que xa van medrando os días! En xaneiro, unha hora por enteiro e polo san Brais, unha hora máis!!!