“Canto máis ter, máis humilde ser”. Este é o regaliño da nosa lingua que temos para vós neste Nadal, mergullado no coronavirus, neste Coronadal, como ben o bautizou Daniel, un dos nosos ilustres irimegos. Ai! Se se lle ocorrese a algún ilustre académico este neoloxismo, seguramente en breve o incluirían no Dicionario da Real Academia Galega (DRAG)… Pois si, estoutro día estivemos cunha muller de Dorrón, aí cerca de Raxó, en Pontevedra, que nos agasallou con este refrán. Nós non o coñeciamos e prestounos ben!
E falando de incluír novas palabras no dicionario, sabedes que acaban de incluír no Diccionario de la Real Academia Española a palabra “finde”? Figura como un coloquialismo de “fin de semana”, pero aí está, aceptado e incluído. Xa sabedes como é o conto: Tras de maio vén san Xoán e mais cando a barba do teu veciño vexas cortar, por a túa a remollar… No DRAG aínda non o incluíron, pero logo, logo… Ben é certo que iso é fala viva, que a xente, sobre todo a máis nova, di así, pero a nós nos gusta de todo… Se imos así, dentro de nada terán que elaborar un suplemento para o dicionario con todas as palabriñas que se cortan, recortan e deforman, se as dan por boas…
Gardando a distancia de seguridade, evidentemente, estoutro día falabamos cunha muller para citala para un estudo por isto do coronavirus. O caso é que, como non podía ser doutro xeito, nós falámoslle na nosa lingua e ela, despois de nos escoitar atentamente, cando rematamos de falar, díxonos: “Mirad, perdonad que os diga, pero ¡qué gusto me da escucharos hablar en gallego! ¡Qué bonito así, con ese seseo y con esa gheada! Yo es que no lo hablo, claro, yo hablé desde niña el castellano, pero me encanta, yo solo digo “ghato” y “cociña”, y mis hijos se ríen!, ¡pero me gusta! ¡Ay, qué bien lo habláis!”. Tamén gusta oír estas cousas, pero… (e o noso amigo Pedro di que todo o que vai antes do “pero” é mentira… Aí queda…).
Pasade un bo Nadal, distinto, ben é certo; así e todo, non vos amarguedes, para o ano hai outro, e antes hai máis días, o caso é chegar alá! Coidádevos moito!!! Máscaras, distancia de seguridade, lavado de mans, por favor!!!
Confiamos no 2021…