E… a cantas andamos? A que estamos? A primeiros de xaneiro!!! Rematou o 21 e vaia o demo con el! Aínda que, en fin, seica detrás virá quen bo te fará…, así que imos deixar o conto así… Imos recibir este 22 cos brazos abertos, moita ilusión e boas intencións!

Din que é bo empezar o ano con todo limpo. Limpar, no estrito sentido da palabra, quere dicir “Deixar libre de manchas ou sucidade algo ou alguén”. Tanto limpamos cuartos, armarios, caixóns, roupa, montes ou leiras. Aínda que cando limpamos toxo, silvas ou fieitos, para ser máis precisas, rozamos. Ollo, que non se *desbroza en galego! Rozar é unha palabra que se está a perder entre a xente máis nova, tanto neste significado de limpar leiras e montes, coma nos outros que ten, porque pode “pasar a pelota rozándolle a alguén, pero non o bate” e pode ser que “alguén agora non se roce con un familiar porque se enfadou”.

E volvendo ao tema de limpar, aproveitamos para dicir que en galego non se emprega o pronome reflexivo cando é referido a unha parte de un, isto é, temos que dicir “Limpamos as mans” e non “limpámonos as mans”, “lavamos a cara” e non “*lavámonos a cara”. Xa, xa…, xa sabemos que isto o contamos moitas veces, pero é que o seguimos oíndo moito e, polo menos, que non sexa da boca de irimegos e irimegas. Lembrade: “Lavámonos” só o podemos dicir se nos referimos a nós mesmas, enteiriñas , pero se lavamos unha parte (mans, pés, boca, roupa…), non podemos poñer o pronome “nos”. Se nos centramos no tema de “lavar a roupa”, teriamos que recuperar termos coma “lavadoiro” (que non *lavadero) e, xa postos, igual ata deberían rehabilitar algúns máis, porque co disparado que está o prezo da luz, de continuar así, aínda vai haber que ir a eles, polo menos para algunha “lavadela”, a que se lle pasa á roupa que non ten moita “roña” ou “cotra” ou “lorda” ou “rela” (segundo de onde sexades…). Poñer a lavadora ou o lavalouza move o contador da luz moi axiña e algo teremos que comezar aforrando porque, como di a sabedoría popular: “Un peso gáñao calquera, o caso é ter conta del”; ademais, “A pouca ganancia nunca empeña”; con todo, xa sabedes aquilo de “Moito se aforra por non ter, e moito se gasta polo haber” e tamén “Para un bo aforrador nunca faltou un bo gastador”…

Volvemos falar para a Candelaria, estade pendentes de se ri ou chora…