E teredes oído falar doutras variantes do artigo determido, dos alomorfos. Trátase das formas lo, la, los, las, o que se coñece como 2.ª forma do artigo. Falámosvos delas hai xa algún tempo. E cando a temos que empregar obrigatoriamente? Pois unicamente despois da preposición por (O rapaz vai polo carreiro, pola rúa, polos camiños, polas corredoiras) e do adverbio u (que recordaredes que se utiliza para preguntar onde está algo ou alguén), neste caso antecedido de guión (U-lo neno, u-la casa?, u-lo can?, u-los libros?, u-las mazás?).
No resto dos casos debemos usar esta 2.ª forma do artigo só na oralidade: na última reforma da normativa (2003) recomendouse non levala á escrita. Aínda así, se decidides usala, debedes saber que este alomorfo do artigo úsase –sempre precedido de guión– despois das formas verbais rematadas en -r (Tes que colle-la carteira) ou en -s (Ti cólle-la carteira); despois dos pronomes átonos nos (Déuno-la mazá), vos (Déuvo-lo peixe) e lles (Déulle-lo pan) –cando van enclíticos, é dicir, pegados ao verbo–, e , xa sen guión, despois de ambos/as (Marcharon ámbolos dous), entrambos/as (Fixérono entrámbalas dúas), todos/as (Véxoas tódolos días), tras (A galla está tralo palleiro) e a conxunción copulativa (e) mais (Viñeron o rei e maila raíña) e despois dos pronomes tónicos nós (Gañamos nó-las dúas) e vós (Perdestes vó-los dous) seguidos dunha precisión numérica. Ollo!!! Dádevos conta que ao unirlles o artigo a esas palabras, estas pasan a ser esdrúxulas e, polo tanto, levan acento gráfico. Fixádevos tamén que os pronomes nós e vós conservan o acento, recordade que se pintan así…
Ufff… Vai quedando algo espeso este artigo… O caso é que presta ter coñecemento da gramática e entender por que pasan as cousas, non si? Queda aínda moito por repasar… Irá doutra volta… Por certo, botade a cabeza pola ventá e recordade aquilo de que ata o corenta de maio non quitedes o saio ou, o que é o mesmo, ata san Xoán non quitedes o gabán!!!!!