Cando recibades este artigo xa estaremos a pechar setembro e con el o verán. Xa se celebrou a Romaxe (a acordádevos de que tras da Romaxe…, tumbona ao garaxe…), este ano en Guitiriz, onde puidemos escoitar a fala da xente da zona, que non ten seseo nin gheada e din “moito”, “mai”, “seña”, “faigas”, “irmao e irmá”  e tamén por alí se escoita algún “axiña”. Lembrades aquilo do “Vémonos cedo versus axiña, decontado…” do número pasado? Pois sobre este tema queriamos afondar algo máis hoxe. Por un lado facervos reflexionar sobre que son formas que xa se usan moi pouco porque a castelanización tamén consiste nisto, en dexar morrer palabras propias da lingua para substituílas polas que coinciden co castelán “Vémonos pronto, despois…”
Camiseta E pousa, pousa axiña e non me toques aquela cousiña!

E pousa, pousa axiña e non me toques aquela cousiña!

Por outro lado, “axiña” e “decontado” son sinónimos de “logo” e de “enseguida”, mais neste contexto non poderiamos dicir “Vémonos logo” porque este adverbio ten a particularidade de que muda de significado se vai antes ou despois do verbo. Se dicimos “vémonos logo” é que nos imos ver máis tarde. Se queremos dicir que nos imos ver dentro de pouco tempo, diremos “Logo nos vemos”.
  
E reparastes en que este “logo”, ademais de variar o significado se vai ao principio ou ao final tamén inflúe na colocación do pronome? Sempre andamos con isto ás voltas porque é moi importante. A estrutura das frases é o esqueleto da lingua, enriba da que logo imos poñendo o vocabulario e as diferentes formas gramaticais. Se falla o esqueleto a lingua non se sostén. Daquela, volvemos insistir que o pronome vai sempre despois do verbo! Que nos fartamos de dicilo pero vemos que nos len pouco por aí adiante, porque xa imos fartas tamén de escoitar pronomes átonos empezando frases!!! Que non!!! Que non podemos dicir  “*Nos vemos”. Mais si que temos que mandar o pronome para antes do verbo se este vai precedido por un adverbio: Logo nos vemos. Tamén nos vemos, Nunca nos vemos, Sempre nos vemos, Xamais nos vemos, Axiña nos vemos… Mais… coidado porque hai uns adverbios que non “tiran” do verbo para diante, polo que diremos: “Hoxe vémonos, Mañá vémonos, Onte vímonos…  pero “Non nos vemos ata o próximo número! 
 
Boa entrada no outono!