Estamos a escribir estas liñas en maio pensando en que sempre odiamos abril. E non é nin polas “augas mil” (escoadas por un mandil ou peneiradas nun candil) nin porque en abril abella e ovella deixen a pelella, pero sempre acabamos co dito de “Abril, abril, de cen en cen anos deberas vir”. E sen entrar nos motivos polos que odiamos abril, diremos que o de odiar abril fainos moito máis levadeiro maio, mais só ata a metade. Logo chegan os actos arredor das Letras Galegas e non podemos máis ca apañar rabia pola hipocrisía de políticos, institucións, mesmo empresas…, pero niso non imos entrar.
Só queremos compartir convosco ese pouso de reflexión que tampouco podemos evitar nestas datas en que se dan datos de uso da lingua, máis ben de abandono. A pesar de que nos gusta recuperar, e conservar, vocabulario ligado a unha realidade que parece que está lonxe de boa parte da poboación, somos moi conscientes de que a lingua galega, para sobrevivir, ten que ser unha lingua moderna. O equilibrio para garantir o seu futuro móvese, ademais de noutros puntos, entre os intentos por recuperar vocabulario que xa se vai esquecendo e os esforzos por adaptarse á modernidade, á realidade da xente moza na actualidade. Nós somos da xeración babyboomer, non socializamos na rede, non estamos pendentes dos “gústame” ou dos “non me gusta”. Pero sabemos que a xeración X e a Z teñen que falar dos seus temas en galego. E xa non nos imos poñer exquisitas dándolles opcións para esa cantidade inxente de estranxeirismos que campan na xerga xuvenil (igual que nas linguas hexemónicas que temos arredor, castelán e portugués): “likes”, “outfits”, “influencers”, “insta”, “flows”, “trolls”, “pros”… e que non falte “bro”… O “plurilingüismo avanzado” no que estamos inmersos, consegue que o acurtamento de “brother” (irmán) para falar cos iguais, deixe nunha anécdota o “tío-tía” de finais do século pasado. E moito poderiamos falar disto, mais pechamos insistindo en que o “nivel pro” do galego é para quen emprega “Gústame”…, e co pronome despois do verbo cando corresponde (“Non nos gusta” que se desmonte a nosa lingua).