Seica nunca choveu que non escampara… E vennos á cabeza este afortunado dito da nosa tradición oral porque boa falta nos facía que escampase… Xa lle tiñamos medo a aquilo de “Vaite 2020!” e non nos enganabamos… O ano 21 xa ten malas nespras…, dixo Delia cando só ían alá pouco máis de 8 días del… En fin, ata sete, tira Pepe, e de sete para riba, Pepe, tira…

Pois si, a Delia, que conta un ben de Deus de anos, deulle unha “aforesía”, como definiu ela, que así seica era como dicían antes os vellos cando lles daba unha volta. E fomos ao dicionario buscar a palabra e non a atopamos; demos con ela en portugués, que aí si está recollida con ese significado, pero -como pasou con outras moitas- en galego vaise perder cando falten os falantes que aínda as conservan.

Pois desde que lle deu esa aforesía, non ten máis ca gana de se anivelar… Así mesmo o di! Almorza e di que se quere anivelar, xanta e anivelarse quere e despois de cear, daquela si que lle presta ben anivelarse! Así seica era como dicía o seu “abuelito” da Fonte! Botádelle a conta! Este home naceu a mediados do século XIX! Mirade ben de onde vén o de se anivelar… E canto segue a prestar…

E tamén se lle foi algo a gana de comer… Ás veces, cando non lle vai máis, pide un caroliño de pan para botar no leite, “Ese si que o comía…” E dámoslle o caroliño de pan, e tamén lle presta. Ollo, que o caroliño non é un anaco de pan calquera, que nolo explicou ela, é un anaco pequeno e duro de pan, do que sobrou da véspera, ou tamén pode ser un anaco de pan con codia, duro.

Agora dálle máis traballo moverse, entón botámoslle unha man, e cando quere que lle levantemos as pernas dinos: “Oi, raio, levanta os cambeiros para alá! Así era como dicía mamá…”, e recuperamos a avoíña Telós, dos primeiros anos do século XX…

E axudámoslle a espirse e, xa chea de que lle sacaramos tanta roupa, espetounos: “Arre demo, cantos atafales…”

E volvemos ao dicionario e desta vez si estaban os carolos e os cambeiros e mais os *atafales (no estándar tería que ser “atafais”) e hai que ver que lote de significados teñen! Habemos volver sobre eles.

Estamos servidas con esta muller a producir deste xeito!