Comezou o ano 2020 e canda el un novo ano político. Xa deu abondo que falar, de todo e tamén da lingua, polo que nos imos centrar no tema do uso da linguaxe inclusiva nos xuramentos dos cargos de ministras e ministros. Houbo queixas e parabéns, protestas e alegrías e consultas á Real Academia Española (era asunto nacional!!). Esta institución di que o feito de nomear as mulleres non está recollido nos seus escritos. Isto vén sendo que o de dicir “Consello de ministras” non está ben porque non todas son mulleres, e empregar “Consello de ministros e ministras” tampouco é necesario, seica. Neste arranque dos anos vinte do século XXI, cómprelles ás Academias sumarse algo aos tempos. Alá dentro teñen que saber que a igualdade de xénero leva consigo o uso dunha linguaxe inclusiva e igualitaria, na que se visibilice un xénero que sempre quedou agochado detrás do outro. Partindo de que o que non se nomea non existe, nós imos reivindicar para esta lexislatura, e para todas as demais, Consellos de “ministros e ministras” ou de “ministras e ministros”. Duplicamos e nomeamos e incluímos. É o único xeito que lle vemos, a non ser que exista un termo xenérico que recolla masculino e feminino, que sempre se prefire por economía (alumnado, profesorado, cidadanía, docentes, discentes…). Un día, un numero para este tema, que ben o merece.

Comezou o ano 2020 e nel vaise celebrar o décimo aniversario da publicación do Decreto do plurilingüismo. E aquí estamos, sen ter claro, con avaliacións serias, se o alumnado sabe ou non máis inglés (porque ese era o obxectivo, ao lado de deixar o galego fóra de xogo). O profesorado de inglés di que non, ao que hai que sumar que o profesorado das materias que se imparten en inglés din que saben moita menos física, bioloxía, historia… Diso non podemos opinar porque non temos datos do tal “éxito”, pero do que si temos a certeza é de que o alumnado fala menos galego. Dáse conta calquera que faga sociolingüística de orella, ou de silveira. Para tal apreciación non nos fai falta ningún estudo, aínda que está para sacar a RAG os resultados dunha investigación que se levou a cabo con alumnos de 4º ESO o curso pasado. Esperaremos tamén polos resultados e tamén lle dedicaremos o seu espazo.

Comezou o anos 2020 e xa esgotamos todos os caracteres…