-Ai, meu fillo, e vés negro coma un cacho!!!
-Non, avoa, estou igual por todo…
Estas foron as primeiras palabras que intercambiaron o Xosé e maila súa avoa cando el volveu de pasar uns días na praia… Si, é ben certo que o rapaz chegou ben torradiño polo sol, pero non entendeu aí o significado de cacho.. E vós coñecedes a palabra? O cacho, ademais dun anaco pequeno de algo, tamén é un recipiente furado polo fondo para asar as castañas, así que botádelle a conta que cor pode ter o cacho… Negro coma os meus pecados!, dicían as nosas avoas…
O cacho non sempre ten buratos, tamén pode ser simplemente un recipiente baixo e coa boca ancha. É parente das olas! Ou non lembrades na fraseoloxía popular aquilo de “Díxolle o cacho á ola” (equivalente do “Díxolle o pote ao caldeiro”) ou “Os cachos tiran ás olas” (coma a cabra ao monte) ou aquilo de “andar de cacho para testo”, que vén ser andar dun lado para o outro. “Cacho” ten máis significados: tamén se lle chama así á cabeza das persoas cando estamos a empregar unha linguaxe familiar, sinónimo de testa, cachola, calamoucha, cachamúa, crisma… Seguro que teredes oído que a alguén lle deron tal tunda que lle houberon de partir a crisma…
E o cacho levounos a “cachón”, por aquilo de “ferver a cachón”, que se di cando temos unha pota ao lume e ferve con moita forza, de modo que se fan moitas burbullas na superficie. E se ferve a cachón, hai que lle baixar a calor á pota… O caso é que hai outro “cachón” que coa calor tamén baixa; porque tamén se lle chama cachón á auga que cae nunha fervenza pequena. Efectivamente, parece que é auga a ferver! E tamén chove a cachón cando chove moito e moi forte, a mares, a chuzos, a caldeiros…
Á hora que estamos a escribir estas liñas tamén chove aí fóra, non a cachón, pero chégalle ben. Mañá seica orballa, seica chuvisca, choverá moi miudiño… A estas alturas prestaba que unha raiola de sol se coase entre tanta nube. Ha chegar, ho, así que non esquezades o sombreiro, a crema protectora, as gafas de sol, o paraugas de praia, un bo libro, un bo amigo, unha boa amiga, a máscara, a distancia social, a lingua de noso…
Feliz verán!!!