Alá vai o verán!!! Que de festas gastronómicas…!!! Este ano de “normalidade” parécenos que xa se deberon de rescatar todas, porque houbo ben delas, adaptadas a todos os gustos e padais: percebe, tortilla, callos, lamprea, pementos de varios tipos… Preferistes carneiro ao espeto en Moraña ou paella en Silleda?, pementos en Padrón, bonito en Burela ou mexillón en Vilanova, en Vigo ou en Rianxo?, que non sempre un alimento vai asociado a un topónimo… E se non fostes a unha festa da empanada ou do polbo, case sería porque non vos interesaba: da empanada, na Bandeira, en Noia e en Carral; do polbo, en Ribeira, na Illa, no Porto do Son ou en Bueu. Ao Carballiño teriades que ir á do “pulpo”… Si, é que cos cartaces destas festas tamén podemos facer análise sociolingüística. Está claro que no Carballiño, seica o lugar onde mellor polbo se cociña, queren manter a “esencia” do prato chamándolle “coma toda a vida”. E nisto da lingua… que tradición é a que manda? A que colle os termos castelanizados hai décadas ou séculos? Na Illa teñen tamén a festa da ameixa “roja”, e póñeno así no cartel, entre comas, para aclarar que é como lle chaman as mariscadoras e mariscadores a un tipo de ameixa (bivalvo, non froita), a que en galego se denomina “rubia”, que ten a cuncha máis brillante e unha mancha rosada no interior. A xerga marisqueira adoptou “roja” en castelán, igual que lle chama “japónica” á xaponesa. Non dan problemas lingüísticos as babosas, nin as finas, pero esas non teñen festa na Illa. Tena alí tamén a navalla, que, por certo, non é o mesmo ca o longueirón que se exalta en Fisterra. Para quen ande despistado, lembramos que os dous bivalvos son case idénticos, pero o último non ten a curva que fai a cuncha da primeira.
Vaia vai, moitas nos quedan atrás… Así e todo, para non empachar, teremos que deixalo aquí. Rematamos coas sobremesas na festa da bica en Manzaneda ou na do requeixo na Capela…
E seguramente moitos de vós iriades á Romaxe, que festa gastronómica non é, pero ben que prestou o xantar compartido coas viandas dos amigos irimegos que xa tanto había que non viamos…