- Ola, morreu o Caio.
- Quen?
- O Caio… Moito leva estarabouzado…
Tras a triste noticia, o noso veciño explicounos o que era iso de estarabouzar. O Caio era traballador onde os houbese, así sacou adiante un rabaño de fillos, estarabouzando a diario co seu tractor, que era o seu medio de transporte para o ocio e para o negocio. Estarabouzar é facer moito ruído, un ruído forte e molesto; aos veciños de Lagoa non lles molestaba.
E moito han estarabouzar tamén en Ucraína… Pobre de quen… Xa vai alá un mes de guerra e vémonos na obriga de, revisar cuestións lingüísticas das que se fala diariamente.
Ucraínos é o nome dos habitantes e parece que a forma “kievitas” é a máis estendida para o xentilicio de Kiev, que debemos transcribir sen acento. Ao estarmos a representar unha lingua non románica e con un alfabeto diferente, podemos atopar ata seis formas para o mesmo termo. Pasa co nome da moeda do país: hryvnia, hrivna, grivnai, grivna, hryvna ou grivna, parece que esta última forma é a mais aceptada.
Imos repasar como transcribir tamén nomes propios. Comezamos polo protagonista ruso Vladímir Putin. Xa veriades que antropónimos e topónimos de linguas de familias moi diferentes á nosa, ás veces transcríbense e pronúncianse de xeito que parece que se está a falar de lugares diferentes. Movémonos entre Lugansk e Luhansk (forma ucraína), entre Járkov e Kharkov; entre Dombás e Donbás, Donbáss;… e non conseguimos saber cal se considera máis correcta, para nós sería a que se achegue máis á pronuncia da lingua orixinal.
E neste campo semántico que nos toca, pechamos cunhas pinceladas gráficas.
– Temos que escribir “proeuropeo” e “prorruso” (sen guión)
– As maiúsculas son para nomes como o Kremlin (rematado en ene) que fai referencia á cidadela amurallada de Moscú, ou para o Consello Supremo ou Rada Suprema que é o nome oficial do parlamento de Ucraína; pero non para “lei marcial” que, por moi excepcional que sexa non hai razón para poñerlle maiúscula.
A ver se cando a revista chegue ás vosas mans, tivese isto pasado de moda…