Hai contos vellos, pero aquel que di “Yo no hablo gallego porque no lo sé hablar” gáñalle a calquera e xa aburre… E nos derradeiros días do 2022, arredor da lingua mesturáronse contos vellos e vellas contas…, contas que pagamos por termos un desgoberno en política lingüística como temos.

Aquí seguimos un ano máis, falando da lingua, a tratar de facervos chegar os nosos humildes coñecementos, a tratar de transmitirvos o noso amor polo galego e tentando provocar certa reflexión sociolingüística. Comezamos o ano xustamente neste punto. Recordade que, como dicía Castelao, “Se aínda somos galegos é por obra e graza do idioma…” E non nos fai falta ver os resultados do barómetro trimestral de Sondaxe  para saber que o uso do noso idioma cae en picado. Estes contos para nós xa son vellos.

Mais co que abrimos ben os ollos foi con que se publicase nun xornal de referencia unha nova que dicía que, segundo unha enquisa do INE (Instituto Nacional de Estatística)  a mocidade galega ten o peor nivel de inglés de toda España. Manda truco!!! Despois de que o partido do goberno de Galicia limitase o uso do galego no ensino, favorecendo o do castelán, ao tempo que impulsaba a introdución do inglés en todas as aulas, para que a xuventude galega dominase mellor a lingua de Shakespeare, agora resulta que nin unha cousa nin a outra! Dicía Beni Vidal, profesora nun instituto da Coruña: “Os rapaces parece que só teñen un contacto episódico co galego, ás veces unicamente nas aulas. Así que o aprenden —se é que o aprenden— case coma se fose o inglés”. Botádelle a conta o que saben…

E como este conto non era vello, senón que era novo de máis, ao día seguinte o mesmo xornal publicou outro artigo afirmando que Galicia é a comunidade autónoma que mellor nivel de inglés demostra no conxunto estatal. Pero, ollo!, hai que ver que, neste caso, os datos saen dunha academia que dá os resultados dos exames que ela mesma fai, que nin sequera son oficiais… Aquí as vellas contas… que sempre hai que pagar!

Estache bo o conto

Feliz ano!