E xa que entramos en fariña, imos revisar algunhas formas léxicas desas que son case iguais en galego e en castelán -lingua que temos ao lado e que introduciu moito vocabulario (e de todo) na nosa-, pero que varían nas grafías, debido ao respecto que se tivo pola etimoloxía ao fixar o estándar do galego. Por iso hai moitas diferenzas entre palabras con “b” e “v” entre unha lingua e outra. Estamos a pensar en “voda” (derivada do latín votus), “móbil” (do lat. mobile), “varrer” (do lat. verrere), “vulto” (do lat. vultum), “avogado” (do lat. advocatum), “gravar” (do lat. gravare), “marabilla” (do lat. marabilia), “avó” (do lat. vulgar aviolum), “voitre” (do lat. vulturem) e mesmo “vermello” (do lat. vermiculum), así que o “bermejo” castelán escríbese cun “b”, non atendendo á orixe da palabra, igual ca todas as outras citadas. E do mesmo xeito mantemos en galego a fidelidade á lingua orixinal en “esvelto” (do italiano svelto).
Temos exemplos da mesma discordancia co “h”. En galego escribimos “ermida” (lat. eremita), “inchar” (lat. inflare), “ombreiro” (lat. umerum), “orfo” (lat. orphanum), “óso” (lat. vulgar ossum) ou “ovo” (lat. ovum)…. É dicir, mantemos a grafía orixinal, fronte ao castelán que, nalgún momento da súa historia, acordou introducir un “h”.
Outras veces hai variación co castelán por unha grafía, ben por evolución diferente en cada unha das linguas, como é o caso daquelas nas que en galego hai “l” e en castelán “ll”: “ampola”, “argola”, “calo”, “camelo”, “talo”, “selo”, “atropelo”, “vasalo”…; ou ben porque o termo orixinario de onde se toma ten unha letra que non existe no noso alfabeto, por exemplo “iate” (do neerlandés “jachtschip”), “iogur” (do turco “yogurt”) ou “ioga” (do sánscrito “yoga”).
E pechamos este repaso ortográfico desexándovos un bo outono, lembrándovos que Moito tes que saber para cogomelos coller e tamén que A castaña que está no camiño… é do veciño.