Comezabamos o ano, no número anterior, con contos vellos arredor da situación sociolingüística do galego. E quedounos fóra o tema da lingua propia, que tamén houbo quen o quixo colocar no medio do debate para quitarlle ferro á perda enorme de falantes de galego entre a xente nova. As políticas lingüicidas están dando os resultados esperados: o galego xa é lingua estranxeira para a maioría da rapazada e mocidade galegas; o peor é que nin así saben máis inglés. Desde que se comezou no século XV cos intentos de eliminar a nosa lingua como sinal de identidade, o dano feito foi moito, mais aínda se foi resistindo. Agora quédalle decidir, á poboación galega -falante ou non- pero consciente da nosa realidade cultural, se vai aceptar que se diga que o castelán é tan lingua propia coma o galego e que empece a ocupar os únicos lugares formais onde se emprega, aínda que sexa de xeito ritual. Deixar que se desligue o galego do concepto “(única) lingua propia de Galicia”, tal e como reza o noso Estatuto de Autonomía, é unha estratexia coa que se pretende darnos o último golpe de graza. Mais, tal e como di a canción de Ses “aínda seguimos aquí, a aturar tempestades de sal”.
E aturar, que vén do verbo latino obdurāre (ter paciencia), tamén existiu en castelán co significado que ten en galego de “aguantar”, pero quedou en desuso. Se cadra é porque non teñen que aturar tantas coma nós…Mais deixámolo aquí porque iso é difícil de valorar. Así que imos centrarnos en que nos digades se aturades ben o frío, ou se aturades mellor a chuvia, porque xa sabedes que, aínda a pesar do cambio climático, “Entre xaneiro e febreiro, inverno verdadeiro”. E como nos está a tocar inverno de chuvia abundante si que se vai cumprir para o campo aquilo de “As patacas de xaneiro van na cesta e veñen no sombreiro”, claro que isto só se aplica, nas zonas de costa, onde se botan as patacas de cedo nesta época. No resto esperemos que funcione o de “para ter bo alleiro, pon o allo no xaneiro”…