Mamamos desde que temos acordos que de ben nacidos é ser agradecidos, así que por darlle as grazas a Andrés Torres Queiruga queremos empezar. Si, estades a ler ben: este ilustre académico, irimego tamén, nun artigo que publica na Real Academia Galega (en “Autores”) gaba a capacidade de permanencia no tempo da revista Irimia “nese panorama en lusco e fusco, toldado de sombras, pero iluminado con lóstregos de luz” e confesa que moita veces é o artigo sobre o coidado do idioma o primeiro que le da revista! Cualifica esta sección de fecunda ao longo dos seus mil números, e nós imos no lote! Que garbosas estamos desta volta! Pois si, grazas, Andrés.
E estes días de atrás escoitamos na radio uns minutos dun programa nunha emisora nacional onde falaban de lingua, lingua castelá, claro; o caso é que nos gustou: falaban, tendo en conta estes intensos meses electorais que se nos presentan, da etimoloxía de determinadas palabras relacionadas co período electoral e pareceunos acaído para compartilo con vós. Recordáronnos que “campaña” ten a súa orixe no latín campania, os longos períodos de tempo que pasaban os exércitos en campo aberto para guerrear; de aí trasladouse ás campañas comerciais, de vacinación, políticas. A primeira campaña política moderna levouna a cabo o primeiro ministro británico Willian Gladstone, no século XIX; por iso nos chegou desde as illas británicas algún termo como “mitin”, galeguización da plalabra “meeting”, que significa reunión, unha reunión pública para expor e tratar ideas e cuestións políticas e sociais.
Na Antiga Roma o que se presentaba a un posto público vestía unha toga branca, era o candidatum, participio do verbo candidare, que significa branquear. De aí que os que se presentan para seren elixidos se chamen “candidatos”. En latín, candidus referíase ao branco brillante; de feito, moitos dos seus derivados teñen que ver con obxectos luminosos: candela, candelabro. Os romanos tiñan outro concepto, albus, para referirse ao branco mate, e del derivan alba, albor e alborada.
Manteremos o contacto ao longo destas semanas. A ver cara a onde vira tanta elección, a ver se eliximos, se escollemos ben entre todos e todas…