Abriron as cancelas e agora xa parece un anacronismo falar de confinamento. O caso é que estoutro día, cando aínda o cancelo era máis pequeno, a compañeira Juana dixo: “Ai, eu estou pexada…! Tanto comer e pouco mover…”. Pexada! Sabedes o que lle pasaba a Juana? Pois explicounos que era coma se tivese as pexas, si, como lles pasaba aos cabalos, que, para que non escapasen, poñíanlles as pexas. E tedes de voso esta palabra? A pexa, tal e como a define o Dicionario da Real Academia Galega e como a usa Juana, é esa corda que se lle pon a un animal para que non escape ou se mova, ou tamén a unha cousa para evitar que sexa roubada. Como lle chamades vós? Juana fala o galego que mamou nos arredores de Ourense e… como presta escoitala!

Chegamos co conto á casa e soubemos que na Terra Chá falan da piega, e tamén da péga, fixádevos ben, con acento no “e”, a pesar de ser unha palabra aguda que remata en vocal: leva ese acento diacrítico para diferenciala do nome do paxaro. E pronúnciase cun e aberto, a diferencia do paxaro, que se pronuncia con e pechado.

Polas Rías Baixas poñíanlles a solta. Tamén nos dixeron que ás veces se lles poñía incluso coma un gallo de madeira e ase chamábanlle “tranca”. A tranca tamén é ese pau groso ou esa barra de ferro que se emprega para asegurar unha porta por dentro ou unha ventá, para impedir que a abran desde o lado de fóra. Ao mellor chamádeslle “aldraba”. Ou “tabasa”. Cantas veces lle tivemos que poñer a tranca ao portal…

E a falar de trancas, invádenos a melancolía, a nostalxia, a morriña, que é o sentimento propio… Véñennos ao recordo os poxigos… Acordámonos das portas da nosa infancia, as portas de dúas follas, a de riba, que tantos contos e cantos lle deu á literatura oral: o poxigo. O poxigo ou postigo tamén é ese furado que tiñan as portas e os portais na parte de baixo para facilitaren que os animais pequenos entrasen na casa ou no cuberto. O poxigo tiña un tarabeliño polo lado de dentro para pechalo. Que non é o mesmo ter un tarabelo ca ser un tarabelo! Ollo, que non é bo de todo que vos digan que sodes uns tarabelos ou unhas tarabelas…, que vos estarán a dicir que non sodes nada serios, que todo o que dicides é unha tarabelada… Aínda así, emocionámonos fondamente cando recordamos a avoíña Telós a dicirnos aquilo de “Bo, saca de aí, ti es unha tarabela…”.

Feliz verán! Respectade cancelos e cancelas, poñede piegas e tarabelos… Tede sentidiño…