Acabamos o ano co corpo esfolado e esfolerpado con tanta convulsión política e social… pero como estes temas non son os que nos ocupan na contraportada, teremos que dedicarnos ao noso. Daquela centrarémonos no léxico e podemos empezar por “esfolar”, unha desas palabras que se van perdendo, sobre todo no ámbito urbano, onde ninguén esfola un coello, nin unha ovella…, isto é, ninguén lles saca a pel despois de matalos porque no supermercado venden todo esfolado. Claro que nas urbes tamén podemos esfolar unha perna ou un brazo cando caemos ao chan, ou cando rascamos contra algo e arrincamos a pel. Daquela, a ver se recuperamos a palabra nestoutra acepción e mais no seu sentido figurado. Porque ademais tamén nos esfolan vivos con tantos impostos, sácannos os cartiños todos, déixannos co pelexo… ou sen el. E aínda nos poden esfolar verbalmente, se se poñen a falar moi mal de nós.

Por riba da esfoladura, vaille ter que pedir aos Reis una bicicleta…

Co significado de “esfolar” tamén as persoas de máis idade empregan “esfolerpar”, mais esta acepción non está recollida no dicionario. Se cadra, facendo nós etimoloxía de silveira, vén por aquilo de que unha folerpa é unha “porción”, unha partícula de neve que cae, entón “esfolerpar” podería ser “sacar partículas” da pel? Deixámolo aí para ver se algunha das persoas que nos le ten unha explicación máis… seria.

E xa postos en golpes, se o que levamos é moi grande, podemos dicir que quedamos “escalazados”, moi feridos; se rompemos moitos ósos e temos o corpo case en anacos, estamos “esnaquizados”. En realidade “escalazar” e mais “esnaquizar” empréganse máis para falar de obxectos. E como esta revista vai chegar ás vosas mans ao redor do Nadal, imos pedir que non nos cheguen os agasallos escalazados (rotos, inservibles ou moi estragados) ou esnaquizados (estragados porque romperon en moitos anacos).

E ademais de obxectos, tamén debemos pedir, os e as irimegas, que o novo ano nos traia moita forza para a nosa lingua, para que non se nos repitan detalles coma o destoutro día, cando tivemos que falar por teléfono cunha traballadora dunha coñecida empresa española, pero radicada en Galicia. O caso é que nós estabamos a falarlle e preguntarlle por un tema ao que ela debería saber darnos unha resposta, pero non atinaba; e nós veña a explicar, ata que nos di:

— Si me puede hablar en castellano, que no le entiendo…
— Onde está vostede?
— Aquí en Pontevedra, pero yo hablo castellano…
— Pois eu falo galego! Grazas e ata logo!
— Xulgade vós mesmos e… Bo Nadal!!!