O 17 de maio de 1863 publicouse Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro. No ano 1963, os académicos Francisco Fernández del Riego, Manuel González Román e Xesús Ferro Couselo, aproveitando o ano do centenario da súa publicación, presentaron un escrito na Real Academia Galega para propor o 17 de maio como o Día das Letras. A Academia resolveu, por unanimidade, aprobar esa proposta: esa sería a data consagrada á exaltación e promoción da nosa literatura e da nosa lingua; cada ano dedicaráselle ese día a unha personalidade literaria e ao redor dela desenvolveranse producións e eventos culturais de homenaxe a esa figura escollida. Repasado e entendido. Pois ben, agora recomendariámoslle ao presidente da Xunta de Galicia que lese Irimia, e en concreto o noso artigo, para que se informase porque… escoitamos unha entrevista que lle fixeron e… non lle deu traza a explicar o porqué do 17 de maio…
Vaia vaia… Tamén estamos a aprender que o “órgano colexiado do Goberno de Galicia” mudou o seu nome e pasou a ser “Sunta de Galicia”!!! Pois ten serios problemas o noso novo presidente para pronunciar o /ʃ/, o xe galego, e así fala en *seral da *sente, de *Sansenso e tamén do *Sacobeo, clarísima marca de Galicia… Iso si, todo “con sentidiño”, “palabra muy gallega y que le gusta mucho”… Ten que aprender a pronunciar a nosa fricativa palatal xorda porque el fai unha case total despalatalización!!! . O noso consello desde aquí, que probe a pronunciar “Shaquira” e xa está todo feito! Recomendámoslle nesta ocasión o “Aprende a pronunciar o X” do Dígocho eu.
E como aquí hai para todos…, a vós recomendámosvos que lle botedes unha ollada ás “7 palabras galegas vinculadas ao mar e adaptadas doutro idioma”! A nós recomendóunolas Sonia e ela regalounos “Ten quirisio”, que deriva da expresión inglesa “Take it easy” e que usaban os mariñeiros que tiñan contacto con mariñeiros ingleses. Quere decir “tranquilo” ou “tómao con calma” e os nosos mariñeiros usábano con alguén enfadado para pedirlle que tivese paciencia: “A ver, rapaz, ten quirisio!”.
Todos temos que ter quirisio e aprender… Feliz verán!!! Coidádevos moito!!!