Era o número 563, cincocentos (ou quiñentos, como queirades!) sesenta e tres… Xa choveu! Si, ho, que chover, choveu coma quen a tira cun caldeiro… Daquela volta movemos a Tintxu −Que en gloria estea!− da contraportada para a páxina 6 da revista, que tampouco estaba nada mal, ho; agora ben, a nós déronnos un lugar preferente, para “persoas moi importantes”, sen saberen no que iamos dar… Foivos ben atrevida a directiva da revista Irimia! E chamabámoslle á nosa sección “Lingua e fala”, que logo virou en “Falando da lingua”. E compartiamos páxina nin máis nin menos ca co “Cantar do irimego”, de Pepe Chao −que tamén en gloria estea!−. Que orgullo!!!

E este é o número 1077…., un número coma outro calquera, cunha diferenza de máis de cincocentos co primeiro…

Non nos vén á boca outra cousa cando miramos para atrás, para alá ben lonxe, ca darlles as grazas a todas as nosas lectoras e lectores durante todo este tempo. Que xa é moito. Era alá polo ano 1999, polo mes de outubro, a piques de entrar o temido ano 2000, cando comezamos nesta aventura. E non por iren alá tantos anos chegamos a estas alturas levadas do demo, fumando en pipa, rabiadas, feitas unhas furias, feitas unha chispa… Non, non é o caso… Foi unha marabillosa viaxe irimega, así que reiteramos o agradecemento, porque xa sabedes aquilo de que é de ben nacidas ser agradecidas e é mellor comer un ovo ca pasar sen dous… Que a fraseoloxía popular nunca esqueza!

E, como se di no país veciño, ficamos obrigadas con todas aquelas persoas que sempre estiveron aí connosco e coas nosas teimas. Porque, como explicou o profesor portugués António Novoa, a lingua irmá e veciña é aquela na que se expresa a gratitude do xeito máis profundo. Podemos agradecer desde un plano algo máis superficial, co termo “grazas”, que se refire a que dámos unha “graza” (latín, gratia) por algo que se nos deu. No noso caso, un agradecemento por tanta atención tantos anos. Mais tamén quedamos para sempre “obrigadas” e vinculadas con todas as persoas que, durante este tempo, empezastes a revista pola contraportada. Aínda que sexa ben certo aquilo de que vale máis caer en graza ca ser graciosas…

E chegando a este punto, como se di nas coplas populares, “hai que dar a despedida!”. Daquela, abur!, aburiño!, adeus!, ata logo!, ata outra hora!, ata máis ver!, que vaia ben! Se por ben é, atoparémonos nos camiños da vida! Vémonos!

Contamos con que lembredes a diferenza entre “última” e “derradeira”, que vos temos explicado. A “última” era cando aínda podía vir outra despois e a “derradeira” era a última dunha serie. Pois desta volta temos que rematar dicíndovos que esta é a nosa derradeira “lingua”…

Non nos olvidedes, xentiña
se morremos de soidás…