Nos tempos que corren parece que todo xira arredor do coronavirus, e a todo lle afecta. Tamén ao noso vocabulario, que foi aumentando, como xa explicamos uns números atrás. O caso é que todo o mundo está a pensar o mesmo: “Dodemo o día en que chegou o coronavirus”. Se cadra sóavos raro o termo “Dodemo”; se fose así, seguide lendo.
A verdade é que a nós pasounos outro tanto hai un par de anos. Atopámolo nunha novela que estabamos a ler, na voz dun personaxe. E bateunos así nos ollos porque nunca o viramos escrito. De feito non estabamos seguras de como o escribiriamos, igual o grafabamos diferente porque para nós o primeiro “o” dicímolo aberto e máis longo, coma se fose unha contracción, así que de térmolo que escribir, seguramente poñeriamos algo como “Dó demo”. Mais o caso é que as persoas académicas rexistraron no dicionario “Dodemo” e así o imos transcribir.
Dodemo o día que cambiei de peiteador!
As nosas avoas, as nosas nais e algo menos nós mesmas, dicimos frases do tipo: Dodemo o día que comprei esta saia! ou Dodemo o rapaz, non para quieto! ou Dodemo a hora que acordei vir aquí! Se quedara quieta, mellor me sería. E así podemos seguir porque todo o que empeza por “Dodemo” expresa contrariedade e repulsa. É sinónimo de “Malia”: “Malia o can que tirou con todo!”. O “malia” unha de nós non o ten de seu: e vós empregádelo na vosa zona. Xa nos diredes, que nos gusta ter retoalimentación ou, como se di habitualmente, “feedback”. Dodemo o inglés, que enche todas as linguas de palabras súas! E non pensedes que no galego é onde máis préstamos innecesarios do inglés hai. En realidade poñémoslle bastante freo, supoñemos que empregando barreiras que tamén usa o castelán, pero se analizades o portugués…, está cheíño, deixan entrar todo canto lles vén. Ademais pronuncian os préstamos na lingua orixinal. Así que se ides a Portugal e queredes preguntar nun local pola clave da WiFi, lembrade dicir “guafai”, e logo agradécesllo cun “Obrigado”, se sodes do xénero masculino, ou “Obrigada”, se sodes do feminino.