Era para rir se o conto non fora tan triste. Na situación complexa que estamos a vivir, na que quedamos coa impresión de que o ensino non é “esencial”, batemos coa dura realidade de que -nesta Gali-España, de moitas bandeiras vermellas e amarelas e moi poucas azuis e brancas- o galego é desprezado ata o límite. Acaba de pasar o Día das Letras e vennos á cabeza aquela máxima que proclamou Carvalho Calero “O galego, ou é galego-portugués ou é galego-español”. El empregou esta sentenza para reivindicar a súa postura lusista e, sen meternos agora en cuestión normativas, aproveitámola para deixar de manifesto dúas evidencias ao respecto do goberno “galego”:

  1. Ten nulo interese na recuperación da lingua que lle dá nome á autonomía (a galega), á que desprestixia e, cada vez, con menos disimulo.
  2. Sabe que, ao irmos mesturando o galego co castelán, a lingua de Rosalía acabará morrendo se cada vez se parece máis a un dialecto da lingua cervantina: pasará a ser castelán con trazos do noroeste da península.

E para mostra… o documento que veñen de publicar desde a Consellería de Educación (non de Medio Rural ou de Economía, que tamén estaría mal, pero de Educación!), coas “Instruccións” (que xa hai 17 anos que se escribe con un “C”!!!) para a reapertura parcial dos centros de ensino. Que pasaría se o goberno central nos dese “Instruciones”?

Non é motivo deste artigo que publiquen o documento á media tarde dun venres para que o luns estea todo a funcionar!!, pero si a súa calidade lingüística. As présas poderán xustificar grallas varias, pero non que o texto estea con erros por descoñecemento da lingua, ao que se lle xunta o desleixo máis absoluto. Para que vos fagades unha idea, campan no texto desde letras que non hai no galego (“y”), palabras en castelán (presencia), esdrúxulas sen acentuar (“retornase” ou “ultimo”) ou contraccións da preposición “a” co artigo “a” ou “as”, ás que nunca lles puxeron o til. Logo póñenlle til a “dá” e “dás” cando son contraccións de de+a; mentres que o que se acentúa é o verbo. Se todo está ao revés dificulta enormemente a lectura. Que buscan? Que se pida que escriban xa directamente en castelán? Non, non, en galego e de calidade.