Con pan ou sen pan, coma queixo arzuán!!! Así rezaba o pé de foto do “Falando da lingua” do 2 de outubro de 2005, a revista posterior á Romaxe de Arzúa. Canta vida pasou e canta se foi… O paso do tempo é irremediable e as súas consecuencias tamén. Tempus fugit, así que carpe diem…, memento mori…
Vaia, vaia… E esta Romaxe foi ben diferente á daquel ano… Todos sentados, moitos menos, claro, a metro e medio, sen bocado de benvida, sen abrazos, sen Rumboia, cun berro seco paralizado, que non por iso menos sentido, e case sen merendas.
De como falan os de Arzúa xa vos falaramos daquela… Desta volta, e canto nos gustou!, soubemos da existencia da Orde Caldaria, de parzamicar, do parzamique e do parzamiqueiro, do lema da Asociación de Veciños O Cruceiro, de Santa María de Arzúa, que reza no seu escudo: Altiora peto, esa marabillosa expresión latina que vén dicindo algo así como “Perseguir o máis alto”. Pois si, contáronnos Sara e mais o seu pai, Moncho Torreiro, que a Orde Caldaria xurdiu na comisión de festas alá polo ano 2003, coa intención de abrir a parroquia ao exterior. Con esa idea, ordenaron de organizar un banquete de exaltación ao caldo e así xurdiu o “banquete caldario”. Fixádevos que expresión tan bonita e que “etimoloxía” tan simple: “banquete do caldo”. Pois o sábado que lle segue á festa das candeas, celebran este banquete e antes de empezar a degustar os deliciosos manxares, unha persoa, elixida pola Orde Caldaria, en recoñecemento á súa relevancia e colaboración coa asociación e con Santa María de Arzúa, será a “parzamiqueira” e terá que “parzamicar”, “botar o parzamique”. E que é isto? Pois é o discurso para iniciar o banquete e quere dicir algo así como “Paréceme a min que…”. Don Manuel Castro, xa finado, que fora cura en Sta. María de Arzúa, defendía que esta expresión ten unha orixe moi antiga, seica era algo similar a un salmo que se pronunciaba antes dun acto importante. A súa orixe tería sido “parzamique domine”.
O parzamiqueiro pasa a ser dona ou cabaleiro da Orde Caldaria e recibirá de regalo un forcado, que era como lle chamaban en Arzúa ao pau que había nas lareiras e que se utilizaba para remexer o caldo. O forcado que se lle regala represéntase nun pau de buxo cun burato no medio e cun amalló, unha correa de coiro. Dentro, a asociación mételle un escrito.
O día do banquete caldario, segundo van chegando, todos se saúdan con aquilo de “Ad veniam caldum!” (“Veña a nós o caldo!”) e o outro contesta “Ad livitum” (“En cantidade!”). Cada ano entrégase a cunca conmemorativa. A continuación celebrarán o banquete de gala cunha mesa de etiqueta, contacontos e música tradicional. Paga ben a pena!
O caso é que a falar do “parzamique”, soubemos que hai zonas na costa onde empregan (cada vez menos) a expresión “botar un parsamique” (con S, por ser zona de seseo), cando alguén fala e argumenta moito sobre un tema ata chegar a ser cansino. Mira ti!
P.D.- Moitas grazas ao señor (ou señora?) A.Q. por nos ceder o seu espazo (unicamente nesta ocasión!!!, que non serva de precedente!!!) para compartir con vós o noso descubrimento da Orde Caldaria.