Moi boas, aprezados lectores e lectoras da revista Irimia e do noso recunchiño “Falando da lingua”. Despois de recoller con gusto e compromiso o croio da lingua, comezamos canda vós e con moita ilusión esta nova etapa da revista. Quitando as cuestións organizativas que xa coñecedes, parece que nós as dúas e coa vosa compañía imos seguir falando da lingua do mesmo xeito que o viñemos facendo ata o de agora. Ninguén nos dixo que houbese que mudar nada nos contidos, nin nos procedementos, nin sequera nas actitudes… Daquela, seguiremos a bater a lingua con cuestións de gramática, tal e como o fixemos ata o de agora: insistiremos en como é a conxugación verbal dalgunhas formas que dan máis que facer ou nos plurais de determinadas palabras, revisaremos se podemos dicir “iste” pero non o podemos escribir, porfiaremos ata que non quede ninguén sen sabelo que “Miño” é un río e non un sinónimo de “meu”… Esas cousiñas que ten a lingua galega.

Non esqueceremos a sintaxe, porque a colocación dos pronomes é unha batalla que nos custa gañar, sobre todo coas novas xeracións, ou con outras non tan novas pero que sofren algún proceso de adaptación ao medio. E aquí xa nos metemos na sociolingüística, que é outra das nosas teimas. É fundamental analizar as relacións que ten co galego boa parte da nosa sociedade para así saber quen o fala -ou non- e tamén por que o fala dun ou doutro xeito. Ou as razóns de que as nosas nais cando ven programas de grande audiencia na TVG fagan certas valoracións. Por exemplo, xa lles escoitamos, falando do Luar, que “Tania Fuegho é guapa, canta ben, pero é moi montañesa falando”, mentres que a moza protagonista de Land Rover, Eva Iglesias, seica “é fina falando”… Curiosa apreciación sobre quen non emprega a gheada nin o seseo mais ca para imitar unha xubilada.

E tampouco imos esquecer a fonética, que é a grande esquecida cando se ensina lingua, porque sempre -ou case- se fai desde a escrita. Mais nós habemos lembrar que no galego hai sete vogais en posición tónica, que temos fonemas específicos que non existen en castelán e que debemos conservar, polo que aínda martelaremos con que “no-nai” non é o mesmo ca “non hai”.

E se vos parece interesante este programa que vos presentamos… mel nas filloas, porque aínda nos han quedar folgos para refrescar ou explicar fraseoloxía e ver a razón de que se diga “matar o bicho” para ese grolo de caña que algunha xente tomaba a diario.

Se por ben é, aquí continuaremos a meterlle leña ao lume!