Cóllenos este número co pé cambiado! Dixéronnos que a próxima “lingua” que escribísemos xa chegaría ás vosas casas ben entrado xaneiro e resulta que aínda temos que escribir esta no mes de decembro, sen sequera tocar o Nadal propiamente dito. Así e todo, sen tocar é un dicir… Basta mirar para o ceo e ver a luminaria de Vigo, ou… canto levamos xa a comer lambetadas propias deste tempo? Parece que cando chega a hora de poñelas na mesa do 24 de decembro xa un está farto de velas diante… Debemos de nos estar a facer menos novas, debemos de empezar a ver o mundo polos ollos das nosas avoas, xa que antes, a véspera ou a antevéspera, ou oito días antes, o día da feira, íase ao ultramarinos da vila e comprábase o bacallao, o turrón duro, o brando, figos pasos, uvas, se cadra noces e xa era moitísimo! Daba gusto chegar á casa e gardar tantas cousas deliciosas ata a Noiteboa. Hoxe xa nada chega e xa nada ten un sabor especial, e aínda que nos queiramos rebelar contra este modo de vivir as festas, rematamos envoltos nesa espiral… E tanto se estivestes vivindo as festas ao xeito de Vigo ou a outro máis moderado, confiamos en que o pasarades ben, pois cando a revista chegue ás vosas mans, xa estarán pasadas.

Mais o noso cometido no noso querido, valorado e aprezado recunchiño é a lingua e non a análise da realidade, así que alá iremos porque xa van alá máis de 1000 caracteres sen nada lingüístico. Ou será que temos o mal da areixa? Nós queremos traballar e o corpo non nos deixa… E hoxe é 13 de decembro, santa Lucía, mingua a noite e medra o día, e por xaneiro unha hora por enteiro, e polo san Brais dúas horas máis… E nun pouco xa logo vén a primavera! Mais por agora a ver se para de chover que xa din que parece isto Macondo. Hai quen lle bota a culpa aos do Gadis por tanto lema de “Se chove, que chova!”. Agora toca lembrar aquela lingua que dedicamos ao profesor Ferro que nos ensinou que toda fraseoloxía estaba relacionada co seu territorio. E como nunca choveu que non escampara, mentres pensamos que o mellor será cantar con Treixadura “Se chove, deixa chovere; Se orballa, deixa orballare; Por máis que chova e vente; De ti non me hei de apartare….”. Mentres, a que máis ha estar a gañar ha ser santa Clara… Haxa ovos!