E necesitades un repasiño das cuestións básicas da gramática para reforzardes a vosa comunicación? Parécenos que xa alá polo mes de xuño do ano vello deixámosvos no artigo determinado e no indeterminado. Por unhas e por outras, porque temos tanta leria (máis leria ca un sacamoas, dicía Delia…), porque lle empezamos a dar á lingua, ao tarabelo, ao trebello, ao badalo, ao pico…, que xa parecemos unhas tarabelas…, perdémonos… Así e todo, vaia por diante que nos gusta o que compartimos con vós… O caso é que pensamos en retomar a gramática. Que vos parece?
A nós prestábanos ben darlle unha volta ao pronome, ás súas formas e á súa colocación. En fin, como desta volta somos nós as que temos a tixola polo rabo, as que temos a rabela do arado, as que temos a vara e maila besta… alá imos!
Para empezar, imos repasar as formas tónicas do pronome persoal: eu, ti, el e mais ela, nós, vós, eles e mais elas. E que é iso de “formas tónicas”? Son as que empregaremos como suxeito (Ti es a máis alta) ou as que van acompañadas dunha preposición ou do segundo termo da comparación (Veu aquí por nós; É máis alto ca ela). Ao lado de “ti”, na fala tamén existe “tu” como forma dialectal; agora ben, na escrita debemos utilizar “ti”. E ao lado de “nós” e mais “vós”, tamén están “nosoutros, nosoutras” e “vosoutros, vosoutras”. Seguramente as persoas lectoras ou empregades as primeiras formas ou as segundas, pero tradicionalmente existían as dúas en simultáneo cunha pequena diferenza de significado. Mentres que nosoutros delimita un grupo concreto de persoas, e deixa fóra a quen non pertenza a el, nós non marca esa fronteira. Xeograficamente “vós” e mais “nós” son formas maioritarias, e as que escolleu o galego estándar para utilizar na escrita: “Viñemos nós”, “Fostes vós”. O grupo pequeno dentro dese “nós” ou dese “vós” é o “nosoutros” e “vosoutros”: “Ides todas ao cine, pero nosoutras xa vimos esa película”. “Vós esperade aquí e vosoutras vinde comigo”.
Para rematarmos hoxe e para comezar na próxima…, deixámosvos uns deberiños… Recordade algo fundamental!!!: o pronome átono en galego NUNCA empeza unha oración!!!!!!!!!!!!!!! Nada de “*Me dixo Pepe”, “*Cho digo eu”, “*Llo levamos nós”. Mirade para aí cantas e cantas e cantas veces o leredes e o escoitaredes mal, e da pluma e da boca de quen debería saber o que di… Espanta!!!!!! Deus as dea acompasadas…
Ata a próxima!!!!!!