E seguindo coa axenda… en que lingua a comprastes? A oferta é desigual, coma en todo, pero se pedimos que estea en galego (algunhas só teñen escritos os meses e os días, que tampouco é tan difícil) creamos demanda de produtos na nosa lingua que boa falta fan. Sobre todo para a a rapazada da escola, para quen é tamén fundamental a axenda. E en relación con isto, contámosvos unha anécdota que nos pasou estoutro día cando estabamos cunha sobriña que mirou na axenda os deberes que tiña do colexio e, cando os foi facer, comezou por escribir a data e… sabedes como escribiu o ano? “*2.025”!!! Seica lle dixera a súa mestra que debía poñelo así. Xa sabemos como son estas cousas, ao mellor a mestra dixo dunha maneira e ela entendeu doutra. Agora ben, tamén é certo que vemos os anos mal escritos unha chea de veces! Recordade e aprendede para sempre que os anos non levan NIN punto NIN espazo despois da unidade de millar: 2025, 2005, 1924, 1909, 1789… OLLO!!! Aprendede tamén que esta norma se fai extensiva a códigos postais, números de rexistro, números de páxina, artigos…, é dicir, aos números que identifican un elementos dentro dunha serie: código postal 36002, páxina 1235, artigo 1425 do Código Penal…
No que respecta á escritura dos números en xeral, a normativa internacional, para facilitar o seu coñecemento e a súa lectura, considera que se debe utilizar un espazo para separar os díxitos do número en bloques de tres, empezando pola dereita (12 785 412), e non se admite o uso do punto nin da coma para separar estes grupos: eses signos só se deben utilizar para separar os decimais (2.7 ou 2,7 kg de patacas).
E temos que pechar este número mandando moito ánimo, que xa se lles nota ben aos días! O que tal medraron! Acordádevos daquilo de que “Pola santa Lucía mingua a noite e medra o día… ao paso dunha galiña”? Se ben é certo que se cuestiona a veracidade da mensaxe deste refrán porque o solsticio de inverno non se produce ata o 21 ou 22 de decembro. Seica a causa do erro está no calendario gregoriano, que o celebraba o día 12, a véspera da festividade da santa, si é certo que chegados ao 17 de xaneiro, medra media hora por enteiro e polo san Brais, outra media máis. Iso si, agora, se por ben é, queda choiva e frío…
Non nos esqueceu que estabamos a falar do pronome persoal, ese que, sendo átono, nunca pode empezar unha frase…