Dicir no día de hoxe que estamos secas, sen ideas, perece que non botamos o pé fóra da porta porque coa de auga que leva caído e coa que cae… Non sabemos como estará o tempo cando esta revista chegue ás vosas mans; polo de agora, auguramos choiva no horizonte… O caso é que cando xa non se pon en dúbida o cambio climático (custoulles velo…), van quedar algo desfasados os costumes e mais o refraneiro popular… Non digades que non é certo… Cando chegue o tempo de facer os magostos, xa habemos estar fartos de comer castañas e xa nin as ha de haber! Desde logo que aquilo de que “polo San Martiño, faise o magosto con castañas asadas e viño ou con mosto” non vai ter cabida este ano… Ao que si lle podemos facer caso é a que “Cando chove e vai vento, pecha a porta e estate dentro” ou a “Auga en outono non lle convén ao xornaleiro nin ao seu dono”. Pobre de quen! A ver se é certo que “Outubro chuvioso, ano copioso”… Desde logo que con tanto frío, auga e vento dá a impresión de que “Despois de san Martiño vén o inverno de camiño” e que “Polo san Martiño di o inverno `Alá vou eu!´ tamén se adiantou… Confiemos en que “o veranciño de San Martiño, ou grande ou pequeniño”…
foto dos efectos do vento e a choiva cos paraugas
Zarracina, cifra, xistra, arroiada, ballón, dioivo, treixada…
O caso é que con este mal tempo, hai moi pouca luz e… o que tal se lle coñece aos días! Anoitece ben máis cedo e tamén amañece ben máis tarde! E cando cambien a hora, xa está o inverno enriba… A roda sempre a andar… Se non anda, malo… Tedes de voso a expresión “xa se lle coñece aos días”? Nós usámola máis cando aos días se lles coñece porque se fan máis grandes, pero estoutro día veunos á cabeza e acordámonos de vós.

E como sempre estamos coa orella posta, a ver que vos podemos contar, tamén o noso amigo Luís nos dixo aquilo de que “Non era mala vida se durase…” e gustounos ben, decidimos metela na nosa base de datos, así que aí vai! Non digades que non é certo e que non vos gusta!

O caso é que andamos ás voltas, a ver se completamos os caracteres, porque hoxe realmente non temos ideas… Estamos aí a zugar e zugar e non sae nada substancioso… E sabedes o que é “zugar”? É chupar todo, ata non deixar nada, absorbendo coa boca; é sinónimo se succionar, que quizais entendades mellor, de chuchar, de chupar. Así zugaredes, por exemplo, un óso ou as bolboretas zúganlle o néctar ás flores. Nós utilizámolo en sentido figurado, cando zugas en algo ou en alguén ata que o deixas seco, ata que non lle deixas máis ca o coiro… Así estabamos hoxe, así quedamos.