Aquí estamos unha tempada máis, e non pensedes vós que non estamos contentas… Por moitas cousas: porque a comunidade irimega continúa a contar con nós e porque o bichiño ese que anda por aí nos permite continuar, que non pensedes vós que non lle temos medo… Vaia, medo non, pavor…!!! Confiamos en que vós e a vosa xente esteades ben e en que esteades a ter moito sentidiño, a mirar por vós e a un tempo por nós…

O caso é que vai alá o verán, e aproveitamos aquel dito que nos saíu hai uns anos “Tras a Peregrina, inverno encima e despois da Romaxe, tumbona ao garaxe…” e con isto xa podiamos arrancar repasando que as palabras rematadas en -axe son femininas menos traxe, paxe e… lembrades cal é a outra excepción? Non seguimos porque o curso sempre hai que empezalo lixeiro, con algún repaso e isto xa o cubrimos…

Tamén imos cunha curiosidade, a ver se é para alguén novidade. Todas as persoas lectoras sabedes o que significa “etc.”, esa abreviatura que se utiliza para indicar que unha lista de cousas continúa e que non se nomean todas para que non se faga moi longa. É a abreviatura da locución preposicional latina “et cetera”, que significa “e o demais”. Pois ben, ata aí todo sabido. Pero vós tédesvos dado conta de que en moitos textos en galego a abreviatura “etc.” normalmente non aparece precedida dunha coma, coma en castelán: “Tiñan cans, gatos, galiñas, porcos etc.”. E sabedes por que? Pois porque dicimos que tiñan cans, gatos, galiñas, porcos “e o demais”, daquela, como antes da conxunción copulativa “e” non é correcto poñer comas, pois vai sen ela neste caso. Se vedes algunha vez unha coma diante do “etc.” en galego ha ser por copia do castelán, onde si lla poñen. Nós mesmas temos caído moito neste erro, pero, a partir de agora, toca corrixirse. Ademais tedes que ter en conta que a abreviatura debe ir sempre seguida dun punto, por iso mesmo, porque é unha abreviatura, igual ca Sr., Dra., séc., núm., ex. etc.

Vémonos nestes Rumores de Romaxe virtual para os que nos convocaron!!!