Ai, ho!, e pensariades que perderamos o rumbo a dicirvos que “todo muda con un te” … Quizás vos quedase claro (ou iso esperamos!) que “non me como un bocadillo” e tampouco “me subo a unha cadeira” para coller un paquete de azucre, pero quizás vos confundise que non fixésemos a contracción da preposición “con” + “un”. Imos ver… A preposición “con” contrae sempre co artigo indefinido “un”: Traballei cun rapaz de Vigo, Xogou cun pé escordado, Vino cun mozo novo, etc. Pero ás veces o con pode ir ao lado do numeral “un” (fronte a dous, tres…) e aí nunca contrae, por exemplo: Con un xa me chega, ou Fai filloas con un só ovo.
E xa que andamos por “un” e por “unha”…, recordade que este artigo indeterminado pode ter un valor enfático e que nese caso se utiliza sempre en feminino: Onte foi de festa e agarrou unha boa…. Ese “unha” ten un referente que se omite, pero que ben se deduce polo contexto!
Cando funciona como numeral, diremos, por exemplo, que hai un neno, unha nena e dous adultos, poñamos por caso, pero se ese numeral se refire a unha serie que ocupa o primeiro lugar, utilizarase o numeral sempre en masculino: Hai unha chea de filas e el e mais ela están na fila un, non concorda co substantivo ao que se refire, “fila”.
E cando funciona como indefinido, pode indicar un valor aproximado, neste caso sempre seguido de palabras que expresan número: Levará alí uns 8 días; pode ter valor distributivo, sempre contrapostro ao indefinido “outro”: Uns viñeron e outros non; pode referirse a alguén sen precisar: Chegou alí un e calamos todos; pode usarse con valor impersoal: Fan o que queren dun…; e incluso podedes utilizalo vós como falantes para referirvos a vós mesmos, con certo distanciamento: Todos os traballos caen sempre enriba dun.
No medio de tanta gramática, como ides co mundial? Quédanos case un mes de fútbol… Moito ha dar que falar… Recordade que o nome do país onde se celebra é Catar (e a súa capital é Doha) e a denominación internacional da competición de fútbol é “Qatar 2022”, con “q” (que). É unha marca rexistrada e debemos respectar a grafía orixinal do nome propio.
No medio de tanta polémica, seguro que fundada…, que gañe o mellor!!!