Todos sabemos, pola conta que nos ten, ben porque algo nos han devolver, ben porque non queda outra máis ca pagar o que seica non é noso…, que o día 2 de abril de 2019 comezou a campaña da Renda 2019. E toda a asesoría e axuda para tal trámite está na páxina web da Axencia Tributaria. Elas veñan acompasadas…: hai opción de galego, pero parece unha promoción do “feixolego”, como ben o denominou un coñecido e recoñecido amigo e colaborador irimego… Si, o feixolego, ese novo dialecto da nosa lingua galega, está a deixar de ser idiolecto para acadar o nivel de dialecto. E, en tempo de nada, gañará a súa área dialectal… ou, polo menos, a súa circunstancia dialectal…, se non lle poñemos freo. Non tedes máis ca entrar na páxina e abraiar coma nós. A primeira vista, parece que fai moito chiste, pero non ten ningún. Simplemente indigna. Considerámolo unha falta de respecto. Non hai ninguén con autoritas e amor e respecto polo propio a quen reclamar, esixir. Dicía Castelao que entre pau e pau folgan as costas; desta volta non existe “entre”, é coma quen leva un temón ao lombo.

Para comezar, Plan “Lle Chamamos”. O pronome átono NUNCA empeza unha oración. A “Chamamos” sóbralle a maiúscula. E o pronome “lle” non é o correcto porque é un pronome de complemento indirecto; a quen van chamar (a cousa chamada) é a vostede, co cal substitúe un complemento directo; o pronome de terceira persoa de complemento directo é “o, a, os, as”, cos seus alomorfos (as súas variantes dependendo de onde vaia colocado) “o, -lo, -no”. A expresión correcta é “Chamámolo”.

A continuación, varias oracións en azuliño e en negro que, se clicamos sobre elas, vannos guiar para“confeccionar e presentar seu Renda de forma sinxela”. Confiamos que lle dedicasen máis tempo á precisión do contido do que lle dedicaron á forma…:

  • “renda” é un substantivo feminino, co cal debe ir acompañado por un posesivo en feminino: súa. Tamén é feminino “conta”.
  • O posesivo en galego SEMPRE leva artigo, excepto cos vocativos (meu amigo!) ou cos nomes de parentesco, que pode levalo ou non (meu pai / o meu pai), segundo a preferencia do falante. Debemos dicir “a súa renda”, “os nosos servizos”, “o seu número”, “os seus datos”, “a súa declaración”.

Si, é mellor empregar o galego, aínda que non sexa perfecto, ca non facelo, pero por parte da Administración non é admisible este mal uso! É un sinal claro de que, para eles, o galego é un trámite e, para cubrilo, sérvelles ese crioulo feixolego que sae dalgunha máquina e que alguén aínda, se ten tempo, empeora.