Xa estamos de volta e a verdade é que o verán, coma sempre,  pasou decontado, deseguida, axiña, rápido, pronto, voando, pero… cedo, cedo non pasou! E por que dicimos isto? Pois que fomos ata a Coruña e vimos un cartel do que vos temos que falar. Vaia por diante que valoramos moitísimo que as empresas empreguen o galego en todo, tamén na súa cartelaría, e mais se son empresas de fóra implantadas nunha cidade, pero ás veces hai algunha metedura de zoca coma a do Starbuck’s na Coruña que, mentres este verán  tiñan o local en obras, puxeron un letreiro ben grande que poñía: “Vémonos cedo”
captura páxina da xunta de galicia

Menos mal que na versión en galego tiña xeito!

Vémonos cedo é unha expresión correcta gramaticalmente e mesmo correcta se se dá nunha conversa entre dúas persoas que, poñamos por caso, están a falar de que no día seguinte teñen que madrugar e que van coincidir nalgures a unha hora temperá, podería unha dicir ao despedirse: Ata mañá, vémonos cedo! 

Mais cando vemos ese frase escrita nun establecemento, no contexto en que o que pretende o emisor é dicirnos que nos imos ver de novo sen tardar moito, xa a cousa non é nada correcta. Usar a Intelixencia artificial (IA) sen supervisión da humana, é o que ten. Así, dunha expresión castelán “Nos vemos pronto” calcouse unha en galego que non corresponde: Vémonos cedo” porque non recolle o sentir desa frase. “Vémonos axiña”, “Vémonos decontado”…  si serían correctas.

As meteduras de zoca coas traducións automáticas danse tamén do galego para o castelán e en páxinas web da Xunta puidemos ler estes días:

«La Xunta abre el día 8 de septiembre el plazo para solicitar el Bono (…) pasará a cubrir el 100 % del coste, en aquellas familias de especial consideración, es decir, las monoparentales, numerosas, de acogida o en las que cuenten con un cautivo con discapacidad».

Familias que teñan un encadeado, un prisioneiro con discapacidade????? Igual querian que botásemos unhas risas coma con aquilo de “El desván de los monjes”, pero as familias que teñan cativos/as, nenos/as, meniños/as, pícaros/as… con discapacidade, non cremos que rían moito.

Sempre coas cativas e cos cativos connosco, vémonos axiña… para o vindero mes!