Quedaramos alá pola explicación do artigo. Presentarámosvos todos os artigos e quedáranos por facer un apuntamento respecto do artigo indeterminado, que contrae coas preposicións con, de e en. Pois cando usedes estas contraccións (cunha, cunhas, dunha, dunhas, nunha, nunhas) e necesitedes segmentar a palabra porque non vos cabe na liña na que estades a escribir, debedes facelo así: “cu-nha”, “du-nha”, “nu-nha”. E por que isto? Pois porque o dígrafo nh indica que a pronuncia dese n é velar e non se separa.

Xa que estamos con cuestións gráficas, aproveitamos para facervos reparar en que o outro día falarámosvos da 2.ª forma do artigo… E decatástesvos de como abreviamos este ordinal? Non nos enganamos!!!, debemos escribilo así (igual ca “M.ª”, por “María”; “n.º”, por “número”; “D.ª”, por “dona”; “1.ª” por “primeira”…) porque todos os ordinais escritos coa cifra (3.º, 4.ª, 5.º, 10.ª…) son abreviaturas do ordinal escrito con letra, e, coma todas as abreviaturas (páx., C. P., EE. UU., Sr., cm….), agás algún caso excepcional como “r/”, por “rúa”; “c/c”, por “conta corrente”, debemos pechalas cun punto, que se chama punto abreviativo. Tede en conta que este punto, se vai ao final dunha oración, xa funciona como punto final, punto seguido, punto e á parte, non hai que engadir outro punto. Pero ollo, ollo!!!: se este punto da abreviatura cadra cos puntos suspensivos, escríbense catro puntos!!!

E dunha vez que estabamos a falar de ordinais, viñéronnos á cabeza os numerais multiplicativos, xa sabedes: dobre (coas variantes duplo, dupla), triplo, tripla (non serve *triple), cuádruplo, cuádrupla (*cuádruple é incorrecto), quíntuplo/a, séxtuplo/a, décuplo/a. Andabamos nestas cando nos demos conta dunha etimoloxía que temos que compartir convosco, por se non sodes coñecedoras e coñecedores… Sabiades que o verbo “traballar” vén do latín vulgar tripaliāre, que significaba “torturar”??!!! Pois este era un derivado do latín tardío tripalium, instrumento de tortura de tres madeiros. Levamos toda a vida a torturarnos contentas… Que feliz se é na ignorancia… Temos un amigo que di que traballo é o que é, que se o pagan é porque é traballo… Évos ben certo. Así e todo, Deus o dea… Ou será que nos teñen agarradas e agarrados polo estómago…?

Para pechar as descubertas de hoxe…, dirémosvos que estes días tamén demos cunha palabra que non sabiamos nin que a había! Estamos a falar de “sesquipedalismo”!!! Deriva da locución latina sesquipedalia verba, que significa “palabras redundantes, cun longo desmesurado” e o que as utiliza parece que gaña algún grao de excelencia… En resumo, que vos dirán moito do individuo ou individua que as estea a empregar. Pois ben, como estivemos a investigar sobre a palabriña, atopámola definida en moitos sitios como “a arte do rimbombante”… Ilústrenvos exemplos como utilizar “recepcionar”, “direccionar”, “aperturar”, “sinalizar”, “rigorosidade”, “perigosidade”, “obrigatoriedade” “finalización”…., en lugar de “recibir”, “dirixir”, “abrir”, “sinalar”, “rigor”, “perigo”, “obriga”, “final”… Moitas delas nin sequera están recollidas no dicionario. A que tropezastes algunha vez con algunha destas formas? Nós atrevémonos a confesar que nalgunha ocasión incluso botamos man delas… Aí queda…

Felices cacharelas! Recordade que polo san Xoán, a sardiña molla o pan!!!