“Alcalde de Poio, *encargámoste unha das zonas urbanas máis transitadas de Galicia!”. Así lle entregaba Fernando Rueda estes días a Ángel Moldes a responsabilidade de xestionar correctamente a primeira fase de humanización da estrada autonómica PO-308. Non dubidamos, nin moito menos, que este teña a capacidade para facelo: o que si é evidente é que o señor Rueda non ten a capacidade para o uso correcto do pronome átono en galego. Xa lle tiñamos pillado outras e aínda non deramos tomado nota, mais agora si. Este artigo vai dedicado a el, a ver se lle podemos botar unha man.

Saber se hai que escoller CHE ou TE é difícil para as persoas que na súa variante dialectal non os distinguen, cheístas ou teístas. Mais o noso presidente non pertence a ningunha delas. Lembrámoslle a el -e a quen precise- un truco que non falla: cando non saibades escoller, pasade a oración a 3.ª persoa, como se llo dixerades “a el“: “Encargámoslle unha das zonas…“ ou “*Encargámolo unha das zonas…“? É evidente que o que nos soa ben é o primeiro exemplo, “encargámoslle“; entón, o pronome que temos que escoller para a 2.ª persoa será “CHE“, “encargámosche“.

Táboa cos pronomes en galego

Quen dixo que non lembraba os pronomes

Para os que teñades certo dominio de sintaxe, recordade que:

  • CHE, pronome de 2.ª persoa que funciona como CI, igual ca LLE (S) para a 3ª persoa. (a quen lle encargas)
  • TE, pronome de 2.ª persoa, que funciona como CD: (ti es o encargado). Por iso coincide con O, A, OS, AS, para a 3.ª persoa.

E xa metidas en fariña, lembraremos que a norma de ouro para a colocación do pronome en galego é que un pronome átono NUNCA empeza unha oración. Irá, normalmente, despois do verbo (Prometeunos o ouro e mais o mouro), a non ser que antes vaian unha serie de elementos que “tiran” por ese pronome para antes do verbo, como:

  • os pronomes interrogativos: Por que lle prometín iso?
  • os pronomes exclamativos: Canto lle prometín!
  • os adverbios (excepto os de tempo -hoxe, onte…- e lugar -aquí, alí…-): Non lles prometín… Nunca lles prometín… Sempre lles prometín… Moito lles prometín… lles prometín… Simplemente lles prometín…
  • as oracións subordinadas: Dixo que lles prometera… Fíxoo porque lles prometeu…

Por hoxe está! De todos os xeitos, non vos despistedes porque…

Marzo, marzán, á mañá cara de rosa, á tarde cara de can.

Marzo amarzador, se un día é malo, o outro é peor…

Así e todo, que non decaia o ánimo: Marzo, marzal: de mañán inverno e de tarde vran.