Xa temos aí ás portas o Nadal e o fin do ano e, normalmente, uns días de descanso. E de días de descanso (ou non tanto) imos falar, mais despois de lembrarvos a etimoloxía do termo Nadal. A estas alturas xa ninguén dirá que o galego moderno inventou esta palabra e que “toda a vida” se dixo “Navidad”, pero sempre vén ben deixar algunhas anotacións filolóxicas por se, poñamos por caso, nun xantar familiar atopamos un cuñado –que non le a nosa revista– e saca o tema… Ao que iamos… O “Nadal” galego, forma que coincide co homónimo catalán “Nadal” e que é moi similar ao portugués “Natal” ou ao italiano “Natale”, parece que ten a súa orixe na expresión latina diem natalem Christi (é dicir, día do nacemento de Cristo). A forma do castelán vén tamén do latín, pero de “nativĭtas, -ātis” ‘nacemento’. Daquela, orixe diferente, solucións diferentes…, sen máis.

O Nadal (Natal, Natale etc.) representa para unhas persoas unha época moi bonita de luces, panxoliñas e xuntanzas familiares; para outras, unha manifestación consumista (de “consumir”, palabra que vén do latín composta por con (todo) e sumĕre (tomar)).

Para outras é a época perfecta para facer unha viaxe máis ou menos longa. Desde visitar unha capital europea, ir esquiar ou marchar ao sol que quente nalgún destino no que haxa praia, ata ir pasar o día aí ao norte de Portugal. E neste destino queriamos nós parar… Imos a Portugal e… que falamos? E que nos falan?

Supoñemos que nos últimos anos oístes falar dun termo que foi aparecendo aos poucos e que non todo o mundo sabe moi ben que significa. Estamos a falar da lusofonía, termo que os portugueses usan para referirse á comunidade de países que teñen como lingua oficial o portugués. Mais desde Galicia fálase de lusofonía como esa comunidade ampla coa que, desde o galego, nos podemos entender, eses millóns de persoas que falan portugués (nas súas variantes brasileira, angolana, mozambicana, caboverdiana…). A cousa é que hai moita xente que vai a Portugal e, mesmo sendo galegofalantes, usan o castelán para comunicar. Mais tamén pode ser que usen o galego e que lles contesten en castelán (porque perciben antes o acento ca as palabras concretas que usamos, e o noso sotaque resúltalles máis semellante ao de Castela ca ao do alén Miño. De feito, en Portugal hai moita xente que descoñece que ao norte do Miño temos unha lingua irmá da súa, cunha porcentaxe moi alta de léxico e de estruturas gramaticais que é coincidente. Haberá que ir informando e formando, e que non teñamos que ver unha persoa galega e unha portuguesa xa non falando castelán, senón mesmo interactuando en inglés…, que de todo hai!

Feliz 2024!!!