Vai xa acabando o verán en canto a datas se refire (no climatolóxico xa non entramos…) e se hai algo propio desta estación no noso país son as festas (emparentadas máis ou menos cos patróns ou patroas parroquiais), a maioría con verbena asociada pola noite. Pois por circunstancias que non veñen ao caso, acabamos nalgunha destas festas nocturnas nas que actuaban dúas orquestras que son fenómenos de masas. Seguro que sabedes a cales nos referimos.
París de Noia
París de Noia
E se vos estades a preguntar a que vén isto a conto nunha sección de lingua, seguide lendo…

Non imos afondar no fenómenos sociolóxico que supoñen ao mobilizar xente moza por onde van, e tampouco imos reflexionar sobre como na nosa xuventude (onde ela vai!) estas mesmas orquestras actuaban só para os nosos pais e nais, mentres a nosa xeración iamos ás discotecas. No que si nos imos deter é no seu efecto para a normalización da nosa lingua e da nosa cultura. Daquela queriamos levarvos á reflexión sobre o (non) uso da lingua galega e sobre o (non) repertorio musical ligado ao noso, de todas as orquestras en xeral. E cando dicimos “ao noso”, falamos dun repertorio amplo no que se difunda música feita en galego, de calquera época ou estilo, para ofrecérllela ás masas que moven.

Nós aínda lembramos a histórica París de Noia de ben nenas, nas vésperas da democracia, alá nos 70, cantando, no medio de rancheiras e pasodrobres, a Rianxeira, o Pousa Pousa e tocando calquera muiñeira que nos facía sacar uns puntos. O outro día escoitámoslle a metade do retrouso das dúas primeiras no último minuto para pecharen un espectáculo, de varias horas, no que houbo todo tipo de música en español e inglés. Non estivemos a toda a actuación da Panorama, pero o repertorio foi parecido, só que aquí Lito, o famoso cantante e condutor do espectáculo, falou todo o tempo en galego. Aplausos… e que dure. Antes, Blas, na París, tamén o facía… Pero para que o faga o rapaz suramericano que fai agora a locución, hai moito traballo previo que pasa por que aprenda galego sen que o perciba coma unha “imposición”, mais disto xa falaremos noutro número.

E non interpretedes, de maneira simplista, que estamos a reivindicar que as orquestras toquen muiñeiras, senón que, como espectáculos que son, onde -ademais de amosarnos luces, acrobacias, performance- interpretan pezas musicais alleas, ben podían difundir algunhas de grandísimas artistas que temos na terra, de estilos ben diferentes, desde rock a o tradicional “modernizado”. E se os presentan na nosa lingua… mel nas filloas.

Porque… mudan os tempos, pero parece que non mudan as vontades…