Como somos xente de palabra…, á terceira irá a vencida! E para non dar puntada sen fío…, deixamos esta “lingua” iniciada no “capítulo” anterior… Prestastes atención ao pé de foto dese número? “A pola vai pola póla”. Efectivamente! Aí tedes un acento diacrítico en “póla”, que se pronuncia con “o” aberto, co significado de “rama”; e “pola” sen acento, pronunciando un “o” pechado, co significado de galiña pequena, e “pola”, contracción da preposición “por” co artigo determinado feminino “a”, sen acento e pronunciado tamén pechado. Tede este exemplo na cabeza, que vos ha ser útil para estes casos! Podémosvos contar unha regra nemotécnica que non está recollida en ningún manual e que ao mellor vos é útil: leva acento a “póla” co significado de “rama” porque o acento que leva enriba do “o” é coma unha ramiña…
Muiño
Entre abril e maio, fai fariña para o ano…
E despois desta breve e lixeira introdución… (hoxe parece que vimos pisando forte!), alá imos con máis diacríticos… A ver…

  • Que nos dicides da bola de pan, esa tan boa que trae o panadeiro que vén pola porta? Pois non leva acento para diferenciarse, por exemplo, da bóla do mundo, esa con forma esférica.
  • E se dicides que non queredes máis, que xa estades fartos e fartas, tedes que acentualo, se o escribides, para que quede ben claro e para que se diferencie da conxunción adversativa: Quería ir, mais non me levaron… Ou da copulativa: Fixémolo ti e mais eu.
  • Con este tempo… pódenvos doer os ósos (tamén un óso…) e se ides aos Ancares, ao mellor, podedes ver osos (ou un oso só…).
  • Ben sabedes que a palabra “”, a parte inferior da perna, leva acento e empeza pola letra pe, que non o leva.
  • E imos rematando, xa levamos algo de présa, apuro, con acento (para que despois non se diga…!) para diferenciarse da presa da auga, sen acento.
  • Pois si, rematamos cos diacríticos!!! Celebrarémolo cun (infusión) con acento, para diferencialo do “te”, pronome átono de 2.ª persoa: Pepe dixo que non te vira.

Traballo nos custou, pero puxémoslle o ramo ao acento diacrítico! Confiamos en que non ha de caer en saco furado… Entendedes ben o de “poñer o ramo”, non si? Dise cando se remata un labor. E con estas vennos á cabeza o “albaroque” ou “robra” ou “corrobra”, esa comida para celebrar o remate dun traballo.

E como se nos está a cumprir aquilo de “Se a Candeloria chora, o inverno vai fóra; se a Candeloria ri, o inverno está por vir”, pechamos lembrando que o refraneiro xa di “Abril abrileiro, cada día seu chuvieiro” e mais “Abril que non chove, deixa ao labrego pobre”. Consolámonos con aquilo de “Abril frío e fornos quentes, alegría para os meus dentes”…